O Concello vai investir 370.000 euros nos próximos 2 anos en distintos programas de educación medio ambiental e de ocio para os nenos e nenas de Oleiros. Ademais de distintas actividades que se ofrecen aos centros de ensino, inclúense os campamentos e as actividades infantís e xuvenís de verán.
Máis alá do ensino curricular, o Concello ten unha vocación especial por ofrecer o maior abano posible de actividades formativas nos ámbitos sociais, culturais e deportivos para todas e todos os nenos e mozos. Así, dentro deste contrato incluiranse actividades como hortas escolares, excursións dun día por Oleiros e outros concellos galegos para os centros de ensino, programa Aprendemos na natureza tamén para os colexios, campamentos de nadal e semana santa, minicampamentos e campamentos de verán, excursións de verán, actividades medioambientais infantís, actividades de ocio para nenos e nenas, servizo de comedor no verán…