Os populares consideran inaceptable que o alcalde siga dando longas á licitación destes servizos que levan máis de 10 anos en precario.
A portavoz municipal popular, Izaskun García, esixe ao alcalde José Ramón Rioboo que, se non é capaz de sacar a licitación os contratos caducados desde hai máis de 10 anos, “que dimita, que deixe de causar o prexuízo que está a causar aos veciños que ven como día a día o Concello presta menos e peores servizos, como demostra a folga indefinida dos servizos de limpeza viaria e de edificios públicos, folga na que foi incapaz de sentar coa empresa para coordinar uns servizos mínimos como si fixeron outros alcaldes”.
“A falta de capacidade de diálogo deste alcalde, a súa prepotencia, a súa ineptitude e falta de interese en solucionar nada, deberían ser máis que suficientes para que presentase a súa dimisión. Se non pode ou non quere actualizar e regularizar estes contratos, que dimita, que os veciños non teñen por que aguantar a súa incompetencia e a súa desidia”. Insiste a portavoz.
Os populares declaran tamén que están a tentar, sen éxito, reunirse co comité de empresa de Jardincelas. “Se o comité non quere falar connosco, tentaremos facelo directamente cos traballadores”. Aseguran tamén desde o Grupo Popular que “o feito de que o secretario de organización do PSOE de Culleredo estea en todas as negociacións co Concello e os traballadores representando a UXT, parécenos pouco transparente. Debería facerse ao carón para evitar ser xuíz e parte”.