Iván Roca, concelleiro BNG de Oleiros: “A Xunta leva semanas a agochar o desastre ambiental dos pellets. Máis unha nova marea de mentiras e incompetencia do PP” Xunta do PP e Goberno do Estado do PSOE, agochan a súa incompetencia en liortas institucionais obrigando á cidadanía a facer o seu traballo
O Goberno da Xunta leva semanas a ocultar o desastre ambiental dos pellets de plástico, máis unha nova marea de mentiras e incompetencia do PP. Máis un novo abandono absoluto da xente do mar, dos Concellos e do noso litoral. Só reaxiu minimamente perante o clamor social e as denuncias de alcaldesas e alcaldes. Esta ocultación está a ocasionar un dano incalculábel ao seitor pesqueiro da Galiza.
Xunta do PP e Goberno do Estado do PSOE, agochan a súa incompetencia en liortas institucionais absurdas mentres na Galiza resucita un novo desastre medioambiental.
Máis unha vez a cidadanía e o voluntariado acoden sacar as castañas do lume da incompetencia e inoperancia da Xunta e do Estado, podémolo ver estes días en Oleiros, onde as voluntarias autoorganizadas acoden en precariedade absoluta.
O BNG de Oleiros solicita ao Concello de Oleiros que facilite medios de todo tipo ás persoas voluntarias que queiran vir limpar e unha cobertura organizativa e asistencial poñendo á súa disposición algún correo ou número de contacto onde se poidan centralizar recursos, solicitudes, organización de grupos con asistencia técnica…. as imaxes destes días evidencian a necesidade de coordinación.
No Concello dispoñemos dunha Protección Civil e dun servizo de voluntariado que se poden activar para estes fins. O Concello debe estar informado dos grupos de voluntariado que veñan, achegar información, manter un contacto fluído con eles e mesmo unha supervisión técnica na procura dunha intervención óptima contra esta nova marea.