Friday 22 de November de 2024

O concello adxudicará nos próximos días catro proxectos de mellora da rede viaria que suman un investimento de 300.000 euros


As obras afectarán a vías das parroquias de Golmar, Erboedo, Lemaio e Caión.

A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para completar o proceso de valoración e clasificación das ofertas presentadas polas empresas que concorreron ás licitacións de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal. Unha vez completada esta fase, a adxudicación da execución dos traballos farase en próximas datas pola Xunta de Goberno Local.

A actuación de maior entidade localízase na parroquia de Golmar, na estrada que comunica O Igrexario con San Pantaión. O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros, nos que vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos a ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación.

En Erboedo o proxecto afecta unha lonxitude aproximada dun quilómetro da estrada que comunica A Fontenla co límite con municipio veciño de Arteixo á altura do Loureiro. A actuación inclúe o acondicionamento do sobreancho no tramo máis estreito para ampliar a calzada. Ademais da pavimentación, acometerase a limpeza e perfilado das cunetas para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal e vertical.

En Lemaio mellorarase a vía entre A Fraga e O Pereiro dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.

E a actuación en Caión localízase no núcleo do Outeiro, onde vai ser mellorada a calzada ata o entronque coa estrada que dirixe a Baldaio (DP-1909), favorecendo tamén as comunicacións coa zona do santuario dos Milagres.

Estes catro proxectos están valorados en total en preto de 300.000 euros.