Nun encontro coa prensa local, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, acompañadas polo resto dos membros do executivo, presentaron as grandes liñas que guiarán o Goberno municipal no 2024. Ambas representantes, que definiron este mandato como o do “diálogo e da participación”, puxeron o foco na mellora da calidade de vida da veciñanza e no impulso socioeconómico á cidade a través da posta en marcha de accións como o proxecto de recuperación urbana desde a Senra a San Caetano, o novo contrato do transporte urbano, unha nova política de turismo sustentable, a ampliación do parque público da vivenda ou a licitación do servizo do SAF, entre outras.
Goretti Sanmartín iniciou o repaso por algunhas das liñas xa recollidas nos Orzamentos municipais facendo fincapé na “transversalidade” destas accións “grazas á coordinación das políticas que orientarán todos os departamentos municipais”, aínda que avisou que “se precisa tempo para ver plasmados os resultados desta posta a punto da engrenaxe municipal” que se acadará coa reestruturación dos centros xestores e co próximo lanzamento dunha nova web máis áxil e amigable para a veciñanza.
A rexedora definiu este mandato como o do “diálogo e da participación”, o que se plasmará na reactivación dos consellos de participación, e anunciou a data de celebración do Consello de Relacións Veciñais o vindeiro 25 de xaneiro.
Tamén destacou o proxecto para a recuperación do espazo público e a mellora da mobilidade desde a Senra a San Caetano como “un dos plans prioritarios para a transformación urbana”, así como a renovación da flota de autobuses e o incremento de liñas e de frecuencias, que “tamén será unha realidade co novo contrato de transporte”.
Goretti Sanmartín salientou que grazas á “colaboración interinstitucional” avanzarase na creación do parque comarcal de bombeiros/as, “unha demanda histórica” e tamén se realizarán obras de saneamento no rural con fondos propios e das administracións provincial e galega, priorizando o cumprimento do Pacto polo Rural.
Outras das liñas prioritarias será avanzar cara a un “novo modelo urbano” grazas ao impulso dunha “estratexia de planificación e de construción”, así como á aplicación de criterios de sustentabilidade “para evitar os asolagamentos, potenciar a biodiversidade, reducir o consumo de enerxía, ademais de fomentar o uso de materiais de construción propios do país, como pedra e madeira”, detallou.
No ámbito social, o executivo municipal porá o foco na “creación de espazos públicos de calidade que fomenten as relacións interpersoais e que sexan inclusivos, seguros, saudábeis, confortábeis e accesíbeis”. Tamén se apostará por ampliar o parque de vivenda pública a través da compra e rehabilitación de inmóbeis para vivenda en alugueiro, co obxectivo de recuperar o patrimonio de e poñelo a disposición das persoas que precisan vivenda a prezos regulados.
A rexedora tamén anunciou a posta en marcha dunha “nova política turística consciente e sustentábel” que aposte por atraer turismo de calidade e a aplicación da taxa turística; e ao respecto do ámbito educativo, o lanzamento dun programa anual de conciliación e a posta en marcha dun plan piloto de cociña no propio centro escolar, atendendo á “histórica reivindicación das ANPA”.
Diálogo, participación e foco nas persoas
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa explicou que “2024 chega cargado de retos, pero o Goberno xa estivo traballando estes seis meses para afrontalos, sentando as bases do que será este mandato, definindo as nosas liñas de actuación e cal será o noso xeito de gobernar”. Nese sentido, María Rozas referiuse á aposta polo diálogo e a participación, “reflectida en feitos como a celebración dos Consellos Municipais de Persoas Maiores e de Cooperación, a posta en marcha dos orzamentos participativos na área de Xuventude, ou mesmo no acordo asinado para a aprobación dos orzamentos deste ano”.
Rozas defendeu que unha das prioridades deste 2024 será “o social, e tamén nese sentido avanzamos en cuestións tan importantes como a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar cun orzamento incrementado de maneira moi notable; a recuperación dos recursos residenciais para as persoas sen fogar no Centro de Inclusión de Belvís; ou o proxecto do Centro de Maiores e Centro Sociocultural do Ensanche”.
A tenenta de alcaldesa explicou que “neste ano seguiremos poñendo as persoas no centro e traballando para mellorar a vida da xente, unha máxima que non se limita ao departamento de Servizos Sociais senón que é transversal e común a todos os departamentos”. Nese sentido, avanzou que se está traballando en cuestións como facilitar os trámites que teñen que seguir os clubes e asociacións deportivas para solicitar o uso das instalacións deportivas e mellorar os equipamentos; en preparar unhas festas máis participativas e acaídas para públicos de todas as idades; ou en ofertar unha programación infantil estable na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.
Tamén se referiu ás actividades de memoria histórica e democrática, que tomarán forza neste 2024 no que tamén se avanzará en que máis espazos públicos e máis rúas de Santiago leven nomes de muller, atendendo ao compromiso feminista do Goberno.