Friday 22 de November de 2024

A Xunta organizará este trimestre as primeiras mesas de traballo para abrir vías de colaboración e sinerxías entre os membros da Alianza galega polo clima


— Ángeles Vázquez explica que, ano e medio despois de que o Goberno galego impulsara esta iniciativa, a previsión é celebrar tres encontros ao redor de temáticas de interese como a economía circular, a descarbonización ou a conciencia ambiental

— Salienta que é o segundo colexio oficial galego que se suma á Alianza e agradece a súa implicación activa na busca da colaboración público-privada para avanzar na loita contra o cambio climático e aumentar a resiliencia da Comunidade

A Xunta organizará no primeiro trimestre deste ano varias mesas de traballo abertas á participación de todos os membros da Alianza galega polo clima co fin de sentar as bases para establecer novas vías de colaboración e sinerxías no eido da loita contra o cambio climático.
Durante o acto de adhesión á Alianza do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, que se celebrou esta mañá na sede da propia entidade na Coruña, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que serán os primeiros encontros promovidos para favorecer o intercambio de experiencias, proxectos e iniciativas entre os aliados.
Ano e medio despois da posta en marcha da iniciativa, impulsada pola Xunta para fomentar a colaboración neste eido entre axentes sociais e económicos e sumar o maior número de apoios en Galicia á loita contra o quecemento global, Ángeles Vázquez incidiu en que chegou o momento de dar un paso máis e promover sinerxías entre os case 100 socios que suma xa nestes momentos para plasmar “en feitos” os compromisos climáticos asumidos no momento da súa adhesión.
A tal fin, a vicepresidenta segunda explicou que o Goberno galego ten previsto celebrar entre os meses de xaneiro e marzo tres mesas de traballo dirixidas ás empresas, entidades e institucións públicas e privadas integradas na Alianza.
Nestes encontros, que se retransmitirán en streaming para buscar a maior participación posible, abordaranse temas clave relacionadas coa materia como poden ser a economía circular, a descarbonización ou a conciencia ambiental de empresas e sociedade en xeral.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, Ángeles Vázquez aproveitou a súa intervención ante a directiva do Colexio de Enxeñeiros e unha ampla representación de profesionais do sector para felicitar á entidade polo paso dado.
Así, incidiu en que se trata do segundo colexio oficial que asina o memorando de adhesión á Alianza galega polo clima e destacou a importancia de que unha entidade que “representa a un colectivo profesional clave” para o desenvolvemento sustentable de Galicia se implique de forma activa na busca da colaboración público-privada para avanzar na loita contra o cambio climático e aumentar a resiliencia do territorio.
Na mesma liña, a vicepresidenta salientou o “compromiso” amosado polos enxeñeiros non só por sumarse ao “pacto” fronte ao quecemento global impulsado desde a Xunta, senón coa súa propia actividade profesional, destacando o importante papel que desempeñan na procura de solucións ambientais e medidas de adaptación que afectan a ámbitos tan importantes como a ordenación do territorio, o urbanismo, as obras públicas e as infraestruturas, así como outros servizos.