Friday 22 de November de 2024

O BNG esixe a inmediata licitación dos servizos de limpeza sen contrato


A nefasta xestión do goberno de Rioboo ten levado á folga indefinida que hoxe comezan as traballadoras dos servizos de limpeza do concello

Desde hoxe mesmo, luns 8 de xaneiro, nos centros educativos e outras instalacións do Concello só se limparán os aseos en días alternos, e as rúas do concello contarán só con 3 persoas para a súa limpeza

A nefasta xestión do goberno de Rioboo ten levado á folga indefinida que hoxe comezan as traballadoras dos servizos de limpeza do concello

Hoxe, luns 8 de xaneiro de 2024, as traballadoras e traballadores que prestan servizos de limpeza no Concello de Culleredo inician unha folga indefinida tralos continuados retrasos no pago das súas nóminas e na xestión do ERTE que acordaron o pasado mes de outubro coa empresa prestadora do servizo. A partir de hoxe inícianse uns servizos mínimos que levaran a que os baños e comedores dos nosos centros educativos se limpen unha vez cada dous días. Esta inaceptable situación é resultado directo da nefasta xestión do goberno municipal liderado por José Ramón Rioboo, que non foi quen nos últimos 6 anos desde a Alcaldía de publicar as bases para a licitación destes contratos, que se levan prestando de xeito irregular desde 2012.

As consecuencias da inacción do goberno municipal son hoxe máis palpables que nunca: desde hoxe mesmo tódalas rúas da contorna urbana de Culleredo contarán só con 2 persoas para a súa limpeza, mentres que a contorna rural limparase por 1 única persoa en días alternos; ou o que resulta aínda máis grave, os centros escolares só contarán con limpeza en días alternos dos baños, aseos e comedores. Trátase dunha situación moi preocupante nun contexto de repunte das enfermedades respiratorias e de incidencia do virus da COVID.

O BNG de Culleredo ten expresado en numerosas ocasións, durante anos, que a única solución para asegurar os dereitos das traballadoras que prestan servizos ao Concello e, ao mesmo tempo, contar con ferramentas para asegurar uns servizos públicos de calidade é a licitación dos servizos seguindo a Lei de Contratos do Sector Público. Continuar a traballar con empresas que incumpren dereitos básicos ou seguir a escoller empresas “a dedo”, sen procesos de licitación transparentes e con concorrencia competitiva, seguirá afondando nos erros que levaron a esta situación e que non se deben repetir. Outros moitos servizos públicos no Concello de Culleredo están sendo prestados sen contrato, de xeito irregular: o servizo de axuda no fogar, a xardinaría, o servizo de auga potable… Rioboo é coñecedor desta situación, xa que prometía coa súa chegada á Alcadía licitar estes servizos en menos dun ano, pero non deixa de acumular excusas para demorar esa solución.