Friday 22 de November de 2024

O Fórum Metropolitano inicia xaneiro con dous novos ciclos de cinema en VOSE


As salas Marylin Monroe e Francisco Rey contarán con cadanseu filme semanal no marco dos ciclos ‘Estreas en VOSE’ e ‘Cinema de Oriente’

As proxeccións comezan este xoves 11 de xaneiro, con ‘Alis’ (2022) e ‘Ah fei zing zyun’ (1990), con entradas xa dispoñibles en ataquilla.gal

O Concello da Coruña comeza o ano con dous ciclos de cine no Fórum Metropolitano, con 18 días de proxeccións en VOSE. O Goberno de Inés Rey mantén así a súa aposta pola dinamización dos espazos culturais municipais, programando actividades para todos os gustos e idades.

Na sala Marilyn Monroe proxectaranse catro filmes no marco do ciclo ‘Estreas en voz orixinal’, con filmes de Francia, Romanía, Taiwan ou Reino Unido. As proxeccións comezarán este xoves 11 de xaneiro con ‘Alis’ (2022), de Clare Weiskopf & Nicolas van Hemelryck. A cita correspóndese, ademais, coa proxección do documental do mes que relata a historia de dez mozas residentes nun fogar social de Bogotá, que abren os seus corazóns a través da creación dunha amiga imaxinaria. Sumaranse os filmes ‘Une belle course’ (2023), de Christian Carion, o venres 12 e sábado 13, ‘Pour la France’ (2023), de Rachid Hami, os días 18, 19 e 20. E ‘Minamata’ (2021) de Andrew Levitas, os días 25, 26 e 27 de xaneiro.

En canto á sala Francisco Rey, iniciarase o ciclo dedicado ao cine oriental con catro proxeccións de filmes chegados de diferentes puntos do continente asiático. Comezará esta fin de semana, tamén o xoves 11, co filme ‘Ah fei zing zyun’ (1990) de Wong Kar-Wai, que se proxectará tamén os días 12 e 13 de xaneiro. Completaranse con ‘Hyakka’ (2022) de Genki Kawamura, os días 18, 19 e 20 de xaneiro e ‘Inteurodeoksyeon’ (2020) de Hong Sangsoo os días 25, 26 e 27.

A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases xa están dispoñibles no despacho de billetes do IMCE da praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.
‘El apartamento’ (1962) de Billy Wilder, este xoves no Teatro Colón, con Elvira Lindo O Teatro Colón inicia tamén este xoves 11 de xaneiro o ciclo de cinema ‘As mellores películas da historia’, coa proxección de ‘The Apartament’ de Billy Wilder ás 19.30 horas.
Trátase dun ciclo de cinema posto en marcha polo Concello da Coruña que ten como obxectivo recuperar a esencia do Teatro Colón como espazo cinematográfico, de acordo cos inicios do recinto.

A proxección do filme contará co posterior coloquio de Elvira Lindo, escritora e xornalista de reputada traxectorio a nivel nacional. Esta será a primeira cita do ciclo, que continuará o 15 de febreiro con ‘Al final de la escapada’, un dos grandes filmes da “nouvelle vague” francesa, obra de Jean-Luc Godard. A ela sumaránselle ‘Ciudadano Kane’, de Orson Welles, o 14 de marzo; ‘El piano’, de Jane Campion, o 11 de abril; e ‘Psicosis’, de Alfred Hitchcock, o 23 de abril. Pecharase o ciclo de xeito moi especial, con ‘El espíritu de la colmena’, de Víctor Erice o 13 de xuño, para a que está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.