Friday 22 de November de 2024

O BNG ve no PP “un proxecto esgotado que non ten Cabanas entre as súas prioridades”


Mon Fernández comprobou o desenvolvemento das actuacións de saneamento que a Xunta está a executar no Paseo da Madalena

O deputado deu conta tamén das emendas relativas a Cabanas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta

O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, realizou unha visita ás obras da terceira fase do saneamento que a Xunta -a través de Augas de Galiza- está a realizar no Paseo da Madalena, en Cabanas, durante a que estivo acompañado por membros da asemblea do BNG na localidade.

Durante o encontro, o deputado comprobou o decorrer dunhas actuacións que a Xunta está a desenvolver sen garantir unhas condicións mínimas de seguridade, tanto na propia zona na que se está a actuar, coma no paso provisional habilitado. Precisamente este paso provisional está ser o foco de queixas constantes, tanto da veciñanza da zona como dos negocios e empresas que prestan servizos básicos, pola falta de seguridade, tanto para os vehículos como para os peóns.

“Son varias as persoas que teñen denunciado danos nos baixos dos seus vehículos, e tamén temos constancia da caída dunha muller por falta de sinalización, que tivo que ser intervida no cóbado”, indicou o voceiro municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela. Lamenta o portavoz municipal que “a pouca sinalización instalada colocouse para as fotos da visita da Delegada da Xunta ás obras a finais de novembro”, parte da cal foi desmontada tras esta.

“É inadmisíbel que a Xunta non faga seguimento de como se están a desenvolver as obras que promove, especialmente aquelas que pola súa magnitude esixen un maior control e fiscalización” denuncio Mon Fernández, quen tamén avanzou que o próximo Goberno da Xunta, liderado por Ana Pontón “estará a pé de rúa, escoitando ás persoas para atender as súas necesidades e darlles solución”

Emendas aos Orzamentos da Xunta

Mon Fernández deu conta tamén das emendas relativas a Cabanas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta, malia que estas non foron tidas en conta por un PP “que deu mostras dun proxecto esgotado, e que non ten Cabanas entre as súas prioridades”, asegurou.

Así, o BNG propuxo investimentos para a mellora de seguridade na AC-122 coa instalación de novas beirarrúas que resolvan os problemas de accesibilidade; melloras no CEIP Eladia Mariño coa instalación dunha nova caldeira; mellora da habitabilidade no Centro de Saúde; limpeza dos ríos Ventín e Baa para previr inundacións; a retirada dos áridos contaminantes depositados en Vilar do Colo ou o desenvolvemento da rede de abastecemento en Laraxe e o estudo para un novo sistema de auga para aforrar custes de bombeo e paliar as consecuencias da seca, entre outras.