Proximamente, o Concello facilitará a dimensión informativa deste servizo cunha xanela virtual na que as persoas usuarias ou as súas familias poderán consultar os principais datos desta ferramenta indispensable para moitas persoas dependentes.
Quen utilice este servizo poderá consultar en directo a planificación actual, pasada e futura dos servizos, detallada por días de atención, horario previsto para cada servizo, persoal auxiliar asignando en cada momento, horario real de fichaxe, e funcións a desempeñar cada día. Poderán acceder tamén a información dos servizos complementarios que cada persoa usuaria teña asignados.
Aumentar a transparencia entre as familias e as persoas que realizan o traballo é un dos obxectivos desta iniciativa, pero tamén se incrementa a calidez nas relacións humanas derivadas deste servizo e se realiza un labor social de maior calidade.
Quen desexe conectarse a esta nova ferramenta non ten que descargar ningunha aplicación, se non o desexa. Simplemente ten que solicitalo chamando ao Concello ou enviando un correo a s.sociais@oleiros.org para recibir unha ligazón de solicitude de activación do servizo no seu correo electrónico. Tras recibila, como é habitual en calquera outro ritual electrónico, crear o seu propio contrasinal persoal de acceso e acceder inmediatamente a consultar a información.
Esta ferramenta impleméntase pensando na comodidade e o benestar das familias de Oleiros, pero é necesario lembrar que a Xunta de Galicia leva máis de dez anos sen incrementar o Fondo de Cooperación Local, tal como o recoñece a FEGAMP, a pesares das dificultades nas que se atopan moitos municipios para atender os servizos que presta e son competencia da propia Xunta, unha situación anómala e inxusta que debería corrixirse.