O concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde, clausurou a primeira edición do Dépor Campus, que se desenvolveu nas instalacións deportivas do campo municipal Lino Balado entre o 28 e o 31 de decembro e no que participaron vinte nenos do municipio, de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Durante a entrega dos diplomas de participación, Rey Villaverde destacou “a gran profesionalidade dos técnicos do Deportivo da Coruña que foron quen de converter unha iniciativa de conciliación da vida laboral e familiar nun exemplo do que é a metodoloxía do club, que combina as ensinanzas técnicas coa formación en valores como o respecto, a solidariedade, a amizade, o esforzo, a integración ou o xogo limpo”.
Pola súa banda, os técnicos do Deportivo da Coruña agradeceron a colaboración do Concello de Oroso e dos equipos do Sigüeiro e o Xuventude Oroso na celebración deste I Dépor Campus, que agardan poida ter continuidade noutras datas, xa que o mal tempo condicionou un pouco a celebración do mesmo. Ademais dos seus diplomas, os pequenos recibiron unha equipación completa (camiseta, pantalón e medias) e poderán asistir de balde a un partido do Deportivo no estadio de Riazor.