Saturday 16 de November de 2024

O Concello instala unha nova marquesiña na parada de autobús de Mesoiro, 90


Trátase dunha demanda veciñal, posto que ademais de ser parada das liñas 23 e 23A do bus urbano é punto de recollida de escolares

Para a instalación acometeuse o acondicionamento da beirarrúa, substituíndo o pavimento existente por un novo máis accesible

O Concello da Coruña rematou os traballos de instalación dunha marquesiña na parada de autobús Mesoiro, 90 (nº de parada 299). A actuación enmárcase na liña marcada polo Goberno de Inés Rey de investimento para a mellora dos barrios.

A nova marquesiña atópase a carón do parque infantil, na beira esquerda da estrada de Mesoiro, en dirección Feáns. Trátase dunha demanda veciñal solicitada para o acubillo nos días de choiva posto que é un punto de recollida moi frecuentado, non só por persoas usuarias das liñas 23 e 23A do autobús urbano, senón tamén como parada de autobús escolar.

Para a instalación da estrutura leváronse a cabo traballos previos de acondicionamento da beirarrúa, retirando os morróns existentes para a separación coa estrada en substitución de firme podotáctil, facéndoa máis accesible para as persoas con discapacidade visual.

Ademais incluíuse pavimento direccional entre a marquesiña e a liña podotáctil, ambos os dúas en cor amarela, completando a mellora da accesibilidade.

A estrutura, instalada sobre unha base de lousa de 3,60 metros de largo, por 2 de ancho, ten un tamaño de 3 metros por 1,3 e dispón dun banco interior. É un soporte metálico con tellado e cristais laterais e traseiros, na liña das outras marquesiñas xa existentes. De acordo cos traballos de acondicionamento, tamén se modificou a localización do poste informativo da parada do autobús ficando á esquerda da parada en lugar da dereita.