Friday 22 de November de 2024

Máis de 120.000 persoas seguiron a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu paso polas rúas da Coruña


A alcaldesa agreceu o traballo das preto de 600 persoas que conformaban a comitiva, especialmente dos 235 menores que axudaron ás Súas Maxestades

Máis de 120.000 persoas seguiron a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu paso pola Coruña con motivo da Cabalgata de Reis. A pesar da chuvia, as familias da Coruña non quixeron perder a oportunidade de recibir os Reis Magos antes da noite máxica, enchendo as rúas da cidade para ver a Cabalgata, composta por 14 carrozas, 5 trens e 17 compañías artísticas e de animación.

A comitiva, formada por preto de 600 persoas, arrancou ás 18.00 horas do Barrio das Flores, percorrendo máis de 3 quilómetros de distancia ata a praza de María Pita. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola corporación, recibiu as súas maxestades no Palacio Municipal e convidounos a saudar desde o balcón aos nenos e nenas presentes na praza. Rey explicou que xunto co San Xoán e as Festas de Agosto, a Cabalgata de Reis é o evento máis concorrido do ano na Coruña e reivindicou que teña sempre o seu inicio nun dos barrios da cidade. “O ano pasado foron Os Mallos, este ano, o Barrio das Flores, lugares que demostran que somos moitas Coruñas dentro dunha, todas excepcionais, como excepcional foi o labor despregado polos traballadores públicos, figurantes e patrocinadores que fixeron desta Cabalgata o éxito que xa é” sinalou.

Melchor, Gaspar e Baltasar saudaron aos milleiros de nenos e nenas que se achegaron a María Pita para despedilos. “Falo por nós os tres cando digo que A Coruña é a cidade na que máis nos gusta estar porque vós sodes os nenos e nenas máis especiais de todo o planeta” explicou Melchor. A súa maxestade agredeceulle a alcaldesa a colaboración para poder recibir a todos os nenos e nenas nos diferentes Centros Cívicos e no vestíbulo do Palacio Municipal. “Grazas ao Concello, na Coruña os reis non só temos un día senón case dúas semanas!” aseverou.