Friday 22 de November de 2024

A chuvia non freou a ilusión por ver a Melchor, Gaspar e Baltasar na Pobra


5 de xaneiro, unha data marcada nos calendarios das crianzas de todo o mundo. Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron A Pobra do Caramiñal na véspera de Reis e fixérono multiplicado por dous nunha intensa xornada organizada dende a Concellaría dos Servizos Municipais.
Durante toda a mañá desfilaron polos lugares e parroquias da localidade en vehículos descubertos para que a veciñanza que quixese saír á rúa tivese ocasión de velos ben de preto. Neste 2024 optouse polo parque infantil da Ribeiriña como punto de partida, onde foron recibidos polo alcalde, José Carlos Vidal. Deseguido, desprazáronse a cada recuncho do termo municipal: de norte a sur, de este a oeste. O periplo retransmitiuse a través da conta de Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, onde permanecen colgados os vídeos para que queden gardados para o recordo.
Xa pola tarde, a ameaza de chuvia non puido coas ganas e ilusión de ve-las súas maxestades os Reis do Oriente. Antes de inicia-la cabalgata saudaron as persoas maiores do centro de día e da residencia para despois, si, dar paso á comitiva polo centro da vila na que participaron Sarao Animación, Trécola, Charanga Furruxa e Trópico de Grelos. As carrozas saíron das inmediacións do polideportivo municipal de Venecia cara o paseo dos Areos para, na praza Alcalde Segundo Durán, face-la ofrenda no portal de Belén: ouro por ser Rei, incenso por ser Deus e mirra por ser home. Tamén actuaron alí nenos e nenas integrantes de Arrancadeira. Xa collendo a rotonda da Covecha, continuaron pola estrada xeral ata o consistorio. Alí, dende o balcón, Melchor, Gaspar e Baltasar dirixíronse aos veciños e veciñas para, unha vez pronunciados os discursos, recibi-las crianzas.
Para esta xornada contouse cun total de 1.500 quilogramos de caramelos sen glute.
E, para un evento de tal magnitude, tamén se artellou un amplo dispositivo: Policía local, Protección Civil, servizo de ambulancia e máis de corenta persoas voluntarias que botaron unha man durante a estadía dos Reis.