Arriva será o operador despois do seu acordo con Autos Carballo SL, empresa gañadora do contrato que saíu a licitación nos últimos meses do ano 2023
O executivo local dota así á veciñanza de conexión co centro de saúde, a Casa Consistorial e a Escola Infantil de Areas
A nova adxudicataria do transporte en autobús de Paderne comezará a prestar o seu servizo da localidade o vindeiro luns 8 de xaneiro. Coincidindo co regreso á escola, o operador Arriva comezará a recoller aos viaxeiros da localidade nas paradas tradicionais, xa que as catro rutas actuais se manteñen para permitir seguir conectando un amplo número de puntos do municipio cos lugares onde se ubican os grandes servizos.
Deste xeito, seguirá habendo unha liña entre Insua e Paderne aldea, outra entre Polideportivo San Pataleón e a Escola de Areas. Unha terceira que conectará a citada escola con Paderne de Abaixo. E, por último, A Esperela estará unida co centro de Paderne.
O Concello de Paderne sacou a proceso de licitación este servizo co obxectivo de garantir que os veciños e veciñas da localidade teñan a posibilidade de acceder aos puntos chave do municipio como o centro de saúde, a Casa Consistorial e a Escola Infantil de Areas. E todo a pesares de que a posta en marcha de este servizo de transporte de viaxeiros non é obrigado para municipios de máis de 50.000 habitantes, segundo a Ley reguladora de las Bases del Régimen Local.
O obxectivo non é outro que paliar a actual oferta de transporte público que pasa polo municipio, xa que Paderne carece de taxi e polo seu territorio tan só transcorren liñas do Plan de Transportes de Galicia que conectan coa capital municipal nin as instalacións principais.
Deste xeito, tras o anuncio de licitación, foron dúas as empresas que se presentaron para un contrato de 20 meses fixos e unha posible prórroga de 12 meses máis. Finalmente, foi proposta a adxudicación da contratación a Autos Carballo SL -empresa con maior puntuación- por un importe total de 106.664,80 euros polos vindeiros 20 meses, que podería elevarse aos 170.663,68 no caso de que se executase a prórroga ata os 32 meses. A empresa gañadora acordou con Arriva a prestación do servizo.