O Concello de Oleiros acaba de sacar á venda 3 parcelas –Xaz, Perillo e Mera- para que grupos de veciños e veciñas organizados mediante cooperativas ou promotores constrúan 54 pisos de protección. As vivendas venderanse prioritariamente a veciños e veciñas de Oleiros, a prezos inferiores aos existentes no mercado neste momento.
As persoas interesadas en adquirir un dos pisos deberán cumprir cuns requisitos económicos máximos. Tamén é necesario que se inscriban no Instituto Galego da Vivenda e Solo como demandantes de vivenda –é posible facelo no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Monelos-.
Unha vez finalice o proceso de venda das parcelas, informarase do resultado e dos posteriores prazos para que aquelas persoas interesadas en adquirir algunha destas vivendas poidan presentar a súa solicitude.
Aquelas cooperativas ou empresas interesadas en adquirir algunha das parcelas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 3 de febreiro. A parcela de Perillo sae por 607.683 euros, a de Xaz por 263.588 euros e a de Mera por 550.628 euros. Os pregos e toda a información é pública e pode atoparse na web municipal ou na plataforma de contratación do Estado. Tamén é posible dirixirse presencialmente á secretaría do Concello.
A xestión urbanística do Goberno municipal fai posible que o Concello reciba gratuitamente solo nos novos desenvolvementos que se van facendo por todo o municipio. “Somos un dos poucos concellos que ten parcelas para construír vivendas de protección. Por que? Porque temos un Plan Xeral e cando se fai unha urbanización obrigamos, entre outras cousas, a entregar ao Concello o 10% do solo”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.