O alcalde Roberto Rey defíneos como “realistas, inversores, centrados nas políticas sociais e sen débeda nin aumentos de taxas ou impostos”
O pleno de Frades aprobou en sesión extraordinaria os seus orzamentos para 2016, que ascenden a 1.842.902,76 euros, sendo unhas contas niveladas en canto a gastos e ingresos. Uns orzamentos que foron aprobados cos 9 votos a favor do Partido Popular e as 3 abstencións do BNG.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, asegurou que se trata duns orzamentos “realistas, inversores, centrados nas políticas sociais, que aumentan os gastos en servizos esenciais aos veciños, que mantén as axudas ás asociacións e entidades do municipio e o fan sen débeda pública, sen déficit, nin aumentos de taxas ou de impostos”.
As contas de 2016 recollen unha baixada do 3% con respecto ás de 2015 xa que, tal e como explicou Roberto Rey, coa nova secretaria municipal se cambiou a forma de elaborar os orzamentos. “Nestas contas están prespostadas as achegas que o Concello terá que facer ao abeiro de programas de axudas doutras administracións, como o Fondo de Compensación Ambiental ou as axudas a Aforro Enerxético, moitas das cales saíron hoxe mesmo pero non están contempladas nestes orzamentos”, indicou o alcalde de Frades. O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro Marzoa, explicou que “unha vez que se materialicen eses investimentos, as contas sumarán uns 150.000 ou uns 200.000 euros máis”.
Así as cousas, os orzamentos de Frades para 2016 contemplan unha partida de 510.296,20 euros para investimentos reais, “cun incremento do 400% en subministración de auga potable, do 25% en cultura, do 64% en parques de xardíns e do 41% en pavimentación de vías públicas, moitas delas de acceso a explotacións gandeiras”, apuntou Ferreiro Marzoa. Así mesmo, indicou que “mantemos as axudas a emerxencia social, ás asociacions do concello e para os servizos sociais gratuítos como perruquería ou podoloxía a domicilio. E podemos adiantar que este ano poremos en marcha algún servizo máis”.
Ferreiro Marzoa insistiu en que Frades “é un concello sostible que intenta manter o periodo medio de pago a provedores de 10,6 días, xa que sabemos que detrás de cada factura hai unha familia e porque a gran maioría son empresas ou autónomos da nosa contorna, polo que somos especialmente sensibles con que poidan cobrar os seus servizos canto antes”.
Orzamentos 2016
Os orzamentos do Concello de Frades para 2016 recollen unha baixada dos gastos de persoal ata os 410.593 euros. Isto é así debido a que o posto de secretaria-interventora, actualmente vacante, rexistrou unha baixada de nivel debido á xubilación da anterior funcionaria. Ademais, o Concello de Frades pediu por primeira vez á Deputación da Coruña unha subvención para poder contar cun animador/a cultural.
O gasto corrente medra ata os 811.293 euros debido a que este ano comezarán a contabilizarse os gastos de mantemento tanto do punto limpo como da depuradora de Ponte Carreira, xa que en 2015 só repercutiran 6 meses nas contas municipais. Os gastos financieiros baixan un 55%, ata os 2.500 euros e as transferencias correntes chegan a 106.000 euros. No que atinxe aos ingresos, o Concello de Frades contempla 324.450 euros en impostos, 60.000 euros en impostos indirectos, 175.000 euros en taxas, 860.000 euros en transferencias correntes e outros 422.426 euros en transferencias de capital.
O alcalde de Frades aproveitou a sesión para facer entrega a todos os concelleiros dun exemplar do calendario 2016 do Concello de Frades que, baixo a lenda “Frades co leite galego”, pretende fomentar o consumo do leite galego entre os veciños e veciñas. Uns calendarios protagonizados por nenos e nenas do municipio e que comezaron a repartirse gratuitamente esta semana entre as vivendas de Frades.