Friday 22 de November de 2024

A corta da Penamoura redescóbrenos as vistas do “skyline” de San Sadurniño


Quen empregan habitualmente a pista da Penamoura para achegarse até San Sadurniño notaron nas últimas semanas moita actividade a unha e outra banda da vía, debido aos traballos de corta de boa parte do inmenso eucaliptal que cobre a aba sur do val de San Sadurniño. Porén, ademais de ver tractores, camións, procesadoras e autocargadores, quen pase por alí tamén ha descubrir -máis ben redescubrir- unha panorámica do núcleo municipal inédita desde hai case vinte anos, o tempo en que permaneceu oculta tralo muro de eucaliptos. As vistas desde a zona máis alta permiten observar cunha única ollada a Bidueda, o Casal -onde se encontra a Casa do Concello-, toda a avenida Marqués de Figueroa, o Outeiro, os Corrás e incluso Silvalonga. Unha foto nocturna tomada desde ese punto da Penamoura protagonizou este ano a felicitación de Aninovo publicada no Facebook do Concello de San Sadurniño.

Hai case 70 anos, o goberno franquista chegou a un acordo co dos Estados Unidos para levar a cabo un ambicioso proxecto de fotografía cartográfica de toda España. Resultado desa colaboración, entre 1956 e 1957, avións do exército estadounidense sobrevoaron a práctica totalidade do territorio retratando desde o aire e con grande detalle núcleos de poboación, montañas, vales, ríos, montes e labradíos.

Se comparamos aquel avó de Google Maps, coñecido como “o voo americano”, coas imaxes satelitais da actualidade, veremos ben ás claras canto mudou a paisaxe en pouco máis de medio século. Un cambio caracterizado polo progresivo abandono das terras agrarias que foron ocupadas en moitos casos por plantacións forestais, sobre todo do omnipresente eucalipto.

A transformación acelerouse nas últimas tres décadas pola suba do prezo da madeira e pola rapidez das quendas de corta dos eucaliptais, que permiten obter rendas cada 15 ou 20 anos -e incluso antes- sen demasiadas preocupacións, agás a do lume. Boa parte dos montes de San Sadurniño son pezas engarzadas nun monocultivo practicamente ininterrompido que abrangue toda a faixa norte de Galicia, desde Ferrol até a Mariña de Lugo, que non só uniformiza a paisaxe e trastorna os ecosistemas, senón que tamén fai de cortina impenetrable que impide recrearse nas vistas.

Porén, cada certo tempo, por causa das cortas, ábrense fiestras a través das que poder mirar ao lonxe, polo menos durante o intervalo que tarden en medrar de novo os eucaliptos. Iso é o que ocorre neste momento a raíz da talla dunhas 50 hectáreas de monte entre a Penamoura e a Bidueda, en Naraío.

As máquinas levan varias semanas traballando na corta e extracción da madeira plantada hai dúas décadas, dentro da que foi unha das primeiras Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) promovidas pola Xunta de Galicia. Hoxe, cos labores a piques de rematar, desde a pista da Penamoura é posible ver todo o núcleo urbano de San Sadurniño, coas naves industriais da Bidueda en primeiro plano seguidas algo máis ao lonxe dos xardíns municipais, a Casa do Concello, o Centro Municipal de Empresas e toda a zona do Casal, Marqués de Figueroa e o Outeiro, ademais das dúas Agras, os Corrás e mesmo Silvalonga.

A panorámica, captada cunha fotografía nocturna, protagonizou este ano a felicitación de Aninovo nas redes sociais do Concello de San Sadurniño, co desexo de que 2024 “nos abra novos horizontes”. Un desexo que xa se viu cumprido no caso deste punto de vista do municipio que permaneceu oculto durante os últimos anos tralo muro de “alcolitos”. Desfrutemos mentres non volvan medrar.