As Súas Maxestades de Oriente chegaron a localidade pola mañá e coincidindo co fin das precipitacións, percorreron en coche as parroquias do municipio para saudar á rapazada
Pola tarde, o Telleiro foi o centro neurálxico da celebración coa recepción real e a festa infantil tras o pasarrúas que arrincou na Casa Consistorial
A ilusión dos cativos de Paderne pola chegada dos Reis Magos á localidade puido co mal tempo. Ao longo de todo este xoves, as Súas Maxestades de Oriente encheron de felicidade todos os recunchos do municipio, ao que chegaron a media mañá.
Os monarcas e os seus paxes foron recibidos na Casa Consistorial polo equipo de goberno, os traballadores e traballadoras municipais e un grupo de rapaces e rapazas. Foi o paso previo á partida da cabalgata real. Os Reis Magos partiron en coches para iniciar unha ruta con orde Paderne Aldea, Obre, Quintas, Adragonte, Vigo, Vilamourel, Velouzás, Souto e Viñas.
Tras percorrer todas as parroquias saudando aos pequenos e pequenas da localidade, os Reis Magos tiveron un pequeno descanso antes de iniciar a quenda de tarde, novidade este ano.
*Así, coa meteoroloxía respectando, a comitiva real puido saír preto das 17:30 horas da Casa Consistorial acompañada da batucada para crear un pasarrúas curtiño pero con moita marcha que chegou preto de media hora despois á próxima Praza do Telleiro, tras saudar ás persoas que agardaban nas beirarrúas.
Unha vez na carpa instalada para estas celebracións de Nadal, o alcalde, Sergio Platas, quixo ter unhas verbas de agarimo tanto para os Reis Magos como para as familias que se achegaron ao evento.
“Gustaríame dar as grazas ás Súas Maxestades de Oriente pola deferencia que tiveron de acudir a visitar á rapazada de Paderne e, así, escoitar os seus últimos desexos”, comezou o rexedor, que destacou que un dos obxectivos do equipo de goberno neste Nadal era conseguir “desenvolver ese espírito de comunidade veciñal e pasar xuntos una tarde chea de maxia”. “Precisamente por iso, apostouse por unha xornada como esta, que esperamos que se converta en tradición en Paderne, xa que é unha oportunidade de xuntarse e convivir en harmonía”, finalizou.
Tras as palabras de Platas, comezou a recepción dos Reis Magos aos cativos, que aproveitaron para contarlles os seus derradeiros desexos de cara á noite do día 5. Foi momento tamén para a festa infantil con música e obradoiros, pero tamén para a entrega de premios de ‘Paderne ten estrela’, un concurso de Nadal no que participou a cativada creando adornos expostos na carpa. Todos e todas tiveron premio. Tamén os maiores que os acompañaron, que puideron desfrutar do roscón de reis nunha tarde no que a maxia se impuxo ao mal tempo en Paderne.