Co arranque do ano o Concello de Neda completa os traballos de mellora da seguridade viaria nunha decena de pistas de todo o municipio. Trátase de actuacións de renovación do pavimento, mediante o seu aglomerado en quente, por importe de 312.955 euros. A administración local dá así un novo pulo ao acondicionamento da rede interior de pistas, que conectan distintos lugares da localidade.
No último tramo do ano activábase un lote importante de intervencións destinadas a pór a punto unhas pistas que, debido ao paso do tempo e tamén ao seu propio uso por parte de turismos e maquinaria pesada, presentaban un estado de conservación deficiente (en total uns 4 km). Foi un novo empuxe de cara a completar o proceso de optimización de conxunto de pistas de titularidade municipal iniciado no pasado mandato.
Así, na parroquia de Anca rehabilitáronse dous camiños en Vila de Anca; dous en Vilar- Lobeiras (pendentes de remates), e reparouse a vía que vai dende Cruz do Pouso ata Fontevella. En Viladonelle, pavimentouse a pista de Porta da Pena. E na parroquia de Santa María, acondicionáronse dous camiños do lugar de Ardá e, na zona do Puntal, acondicionáronse os dous accesos que comunican Murallón e Silva. En todos os casos, ademais dos labores de rebacheo e da limpeza de cunetas, levouse a cabo o aglomerado en quente e o pintado das marcas e sinalización horizontal das estradas.
Boa parte das actuacións incluíronse no Plan de Obras e Servizos da Deputación e outras no Plan de Mellora de Camiños Rurais de Agader. Non obstante, para poder materializar todas estas obrar foi preciso o cofinanciamento por parte do Concello.
Os traballos realizados permitiron mellorar a seguridade viaria tanto dos condutores/as como dos peóns que utilizan decote as estradas, obxecto da intervención, que dan acceso a vivendas ou comunican distintos lugares dentro das súas parroquias. Nestes intres queda pendente de inicio a apertura de vía de Camiño Vello a Bacela, na zona de Xubia, obra adxudicada xa por máis de 79.000 euros.