Saturday 16 de November de 2024

Riveira foi o municipio que máis medrou en Produto Interior Bruto entre os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes


Segundo revela o IGE con datos comparativos de 2010 a 2012

O Instituto Galego de Estatística acaba de facer públicos os datos correspondentes á evolución do Produto Interior Bruto Municipal entre os anos 2010 e 2012: datos que, polo que se refire aos 22 municipios da nosa comunidade autónoma que teñen máis de 20.000 habitantes (e que concentran o 61,55% do PIB galego), se constata que Riveira non só é unha das dúas únicas localidades que, xunto con Arteixo, experimentaron un crecemento positivo, senón que é o concello onde a economía local máis se incrementou: un 6,2%, pasando de 514.396.000 euros a 546.252.000 (Arteixo aumentou nun 2,1%).

Tocante aos outros concellos con máis de 20.000 habitantes, Lalín decreceu un 13%; Marín, un 9,9%; Ferrol, un 9,5%; Culleredo, un 7,7%; A Estrada, un 6,7%; Redondela, un 6,6%; Vilagarcía, un 6,4%; Santiago de Compostela, un 6,1%; Narón e Ames, un 5,7%; Ourense, un 5,6%; Vigo, un 5,5%; Oleiros, un 4,7%; Ponteareas, un 4,6%; Pontevedra, un 4,5%; Cambre, un 4,2%; Carballo, un 3,6%; Lugo, un 3,4%; A Coruña, un 2%; e Cangas, un 1,9%.

En Barbanza
Falando en clave comarcal, o IGE tamén constata que Riveira é con diferenza o municipio con maior PIB de Barbanza. O organismo oficial recolle datos de Boiro (aumentou un 8,4%, pasando de 273.557.000 a 296.583.000 euros); A Pobra (aumentou un 1,2%, de 172.417.000 a 174.580.000 euros), Outes (medrou un 0,3%, de 72.732.000 a 73.006.000); e Porto do Son (aumentou un 0,004%: de 102.534.000 a 102.582.000 euros).

Rexistran resultado negativo Lousame (descenso dun 0,008%: de 36.143.000 a 36.112.000), Noia (reduciuse nun 3,9%, de 248.236.000 a 238.387.000) e Rianxo (diminuiu un 10,7%: de 132.496.000 a 238.387.000 euros).

PIB por habitante
Outro dato de interese respecto ao concello de Riveira no 2012 é o PIB por habitante: 19.678 euros, o máis alto da comarca seguido de A Pobra (18.235 euros), Noia (16.348), Boiro (15.549), Porto do Son (10.788), Outes (10.422), Rianxo (10.349) e Lousame (9.453 euros).