· O seu itinerario comezará ás 11:30 horas e, despois da recepción da alcaldesa, farán paradas nas prazas de todas as parroquias.
· Ao remate atenderán nos seus tronos as últimas peticións dos máis pequenos no pavillón Víctor Vigo, onde haberá unha gran festa infantil desde as 18 horas.
· En todas as recepcións haberá chocolate quente e roscón de Reis.
Este venres, 5 de xaneiro, os Reis Magos entrarán a Galicia polo mar de Camariñas a bordo do barco ‘Mar de Grecia’, que foi o que levou á Virxe do Carme este verán, para empezar un percorrido que os levará por todas as parroquias do municipio a bordo da súa maxestosa carroza.
A súa chegada á Lonxa Vella, onde serán recibidos pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, está prevista para as 11:30 horas. Desde aí comezarán o seu itinerario, que os levará por Arou, Camelle, A Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas. Pode que non caiban polas rúas máis estreitas, recibámolos como se merecen nas prazas.
Ao remate do traxecto, no pavillón Víctor Vigo, ao redor das 19 horas, atenderán nos seus tronos as últimas peticións dos máis pequenos. Alí, a tarde estará amenizada cunha gran festa infantil que comezará a partir das 18:00 horas.
En todas as recepcións reais haberá chocolatada e roscón e nas de Camelle e Arou a asociación A Folja da Faneca encargarase de facer miniroscóns e repartilos entre os nenos e nenas, que poderán subir á carroza en todas as paradas para saudar e falar cos Reis Magos.