A proposta do goberno aposta máis ca nunca polo gasto social e a prestación de servizos de calidade sen minguar a capacidade investidora do concello
A corporación municipal debaterá o luns 8 o orzamento para este ano, que acada os 31.539.516,80 euros e convértese no máis alto da historia do noso concello. O documento conta xa co ditame favorable da comisión informativa, que se reuniu este martes, polo que só falta a aprobación do pleno.
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron as grandes cifras do orzamento, o primeiro do mandato. Con respecto ao 2023, a proposta aumenta en 1,3 millóns de euros, pero a posibilidade de incorporar remanente ao longo do ano provocará un incremento aínda maior.
“Se o mandato anterior estivo marcado pola crise da COVID, este comeza marcado pola inflación, que ademais afecta a todos os ámbitos”, apuntou Belén Lendoiro. Neste contexto, sinalou que as prioridades establecidas polo goberno municipal son “o gasto social, a mellora e o reforzo dos servizos públicos, a dinamización dos diferentes ámbitos sociais e o apoio aos axentes sociais”.
Precisamente a inflación provoca un importante incremento no capítulo de gastos en servizos, porque todos están afectados pola suba dos prezos. Este ano dedicaremos 14,6 millóns de euros a pagar, por exemplo, consumos enerxéticos, mantemento da sinalización viaria, das praias ou dos xardíns, recollida de lixo, conservación da rede viaria, ciclo integral da auga, limpeza viaria ou dos colexios, etc…
Tamén aumentan os gastos de persoal debido á suba establecida polo Goberno do Estado e á creación de novas prazas, e increméntase especialmente o gasto social. Só a partida destinada ao servizo de axuda no fogar sobe medio millón de euros, e acada xa os 1,9 millóns, e as axudas de emerxencia para particulares aumentan un 100%, xa que pasan de 100.000 a 200.000 euros.
En canto aos ingresos, o dato máis destacado é o incremento da achega do Estado en 1,5 millóns de euros. As actualizacións do IBI e o IVTM aprobadas xa en pleno permiten tamén aumentar o capítulo 1, e ademais aumentan un 300% os ingresos patrimoniais porque os bancos volven pagar intereses polos cartos.
Belén Lendoiro considera que o orzamento “amosa as fortalezas do Concello, porque somos quen de asumir as subas nos gastos e manter a capacidade investidora”. Precisamente o alcalde recalcou que “Carballo é un concello investidor. O capítulo 6 supón un 13,31% do orzamento, pero ao longo do 2024 vaise ir incrementando de maneira notoria”.
Entre os investimentos que xa figuran na proposta económica destacan os destinados “a adquisición de terreos para despois poder acometer grandes infraestruturas”, entre elas, como indicou o alcalde, a apertura da rúa que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo, a ampliación da rúa Emilio González López, a cidade deportiva da Lagoa ou a travesía da Pedra do Sal.