Os traballos de mellora do vial, de 120 metros de lonxitude, concluiron estes días despois de dúas semanas
O goberno local realizou un investimento de máis de 9.000 euros para mellorar o firme
A veciñanza do Concello de Ponteceso xa pode desfrutar da pista entre Brantuas e Santa Cruz (en A Campara) en boas condicións. Estes días, a empresa encargada dos traballos de pavimentación do vial rematou o proxecto, que tan só está a expensas do pintado para estar completo.
O Concello de Ponteceso investiu 9.270,21 euros nuns traballos que consistiron na renovación dun firme que estaba castigado ao longo dos seus 120 metros de lonxitude e 3,5 de anchura media.
As obras comezaron na segunda quincena do pasado mes de decembro e desenvolvéronse en tres fases. Tras a primeira, de retirada de material sobrante e limpeza chegaron as outras dúas, nas que se subministrou zahorra e outro compactado para a pavimentación.
“O mantemento das infraestruturas do noso municipio debe ser algo prioritario. Non só por unha cuestión de imaxe, que tamén, senón pola comodidade da nosa veciñanza. Estamos pendentes de todas as parroquias e, aínda que sexa con investimentos non moi cuantiosos e establecendo prioridades, apostamos por atender as necesidades”, apunta o alcalde, José Manuel Mato.