O Concello de Lousame organiza unha cita dobre cos Reis Magos para a cativada do municipio este venres 5 de xaneiro: recepción na Casa da Cultura pola mañá e festival no polideportivo municipal da Silva pola tarde. Dúas actividades de acceso libre e de balde, se ben no caso do Festival de Reis será preciso reservar entrada a través de www.bandoticket.com.
A primeira cita terá lugar de 10:30 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Lousame. A recepción dos Reis Magos seguirá o mesmo procedemento de edicións anteriores: Melchor, Gaspar e Baltasar estarán no escenario do auditorio e escoitarán/recollerán as cartas dos pequenos, aos que entregarán algunhas lambonadas.
Finalmente, de 17:00 a 20:00 horas, a comitiva real desprazarase ata o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde terá lugar o tradicional Festival de Reis. Unha festa infantil con xogos, inchables, obradoiros… e un chocolate con churros para todas as persoas participantes. Inscricións de balde en www.bandoticket.com.