Xoves 4 de xaneiro no ximnasio do CPI de San Sadurniño. A partir das 17:00h xogos, música con LaGuaGua, obradoiros, inchable e cama elástica, ademais de chocolate con roscón para toda a familia. E a iso das 18:45h, chegada dos Reis Magos de Oriente
Ademais, ata o domingo 7 pódense seguir xuntando rifas para o sorteo dos lotes de produto da campaña “Polo Nadal, consumo local”
Melchor, Gaspar e Baltasar multiplican durante estes días a súa presenza na comarca, incluso en máis dun sitio ao mesmo tempo. É o que ten ser máxicos. Choio teñen abondo, recollendo cartas -que despois carrexan os paxes en centos de sacas- e, sobre todo, atendendo persoalmente as peticións infantís, xa sexa de pasada nas cabalgatas que hai programadas até a noite do venres ou en recepcións anticipadas como a que terá lugar no ximnasio do CPI de San Sadurniño na tarde deste xoves 4 de xaneiro. Será durante a festa de Reis organizada polo Concello a partir das 17:00h, cunha chea de xogos, música e roscón con chocolate.
Da animación encargarase, un ano máis, o equipo de La GuaGua. Comezarán con distintos obradoiros para a rapazada máis pequeniña e, posteriormente, como anticipo do grande momento da entrada real, tamén teñen preparado o seu sempre exitoso Canta-baila cunha chea de músicas e coreografías para que participe toda a familia.
Ademais, unha parte do ximnasio do CPI estará ocupada por unha cama elástica e un grande tobogán inchable onde as nenas e nenos poderán saltar canto queiran ao longo das practicamente dúas horas que durará a festa.
O intre máis agardado producirase aproximadamente ás 18:45h coa chegada de Baltasar, Melchor e Gaspar. Os tres Reis Magos de Oriente pararán en San Sadurniño dentro dunha apretada axenda que os ten percorrendo a comarca -e o resto do mundo- durante os días previos á súa viaxe nocturna do venres para o sábado.
As SS.MM. traerán presadas de caramelos e a mellor disposición para escoitar e anotar todo o que as nenas e nenos lles teñan que dicir, case sempre peticións de última hora ou recordatorios do contido das cartas enviadas hai uns días.
Con todo, se a algunha pequena ou pequeno se lle pasou botar a carta no correo, debe saber que Melchor, Gaspar e Baltasar lla recollerán en man na tarde deste xoves, multiplicando desta maneira as garantías de que a misiva lles chega a tempo e, importante, que o sábado pola mañá aparezan na casa todos os agasallos.
Recapitulemos de novo os datos básicos da festa de Reis en San Sadurniño, xa publicados desde hai semanas na nosa axenda de Google Calendar: xoves 4 de xaneiro no ximnasio do CPI de San Sadurniño, a partir das 17:00h xogos, obradoiros, inchable e cama elástica, ademais de chocolate con roscón para toda a familia. E a iso das 18:45h, chegada dos Reis Magos de Oriente.
Oportunidade de levar un dos lotes de “Polo Nadal, consumo local” até o domingo
Malia que a festa de Reis lle porá o ramo ao Nadal en San Sadurniño, as actividades organizadas polo Concello aínda non acabarán de todo. E é que ata este domingo 7 de xaneiro segue en marcha a campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local”.
Os establecementos seguirán entregando papeletas ata ese día e entre os boletos por gasto de ata 10 euros sortearanse seis cestas valoradas en 50€ cada unha, mentres que as compras superiores a 10 euros entrarán na rifa doutras catro cestas cun valor unitario de 100€.
O sorteo público farase no salón de plenos o mércores 10 de xaneiro ás 9:00h. A área de Desenvolvemento local contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas e os lotes entregaranse o venres 12 ás 14:30h.