Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza unha visita guiada ao Museo de Belas Artes para coñecer a mostra de Sorolla


O Concello organiza unha visita guiada ao Museo de Belas Artes da Coruña para coñecer a mostra Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia. Será o mércores 17 de xaneiro en horario de tarde.

Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia pretende poñer en contexto as estadías que o pintor realizou en terras galegas, e como estas axudaron a agrandar a súa produción artística. Así, esta mostra é unha oportunidade para poñer en valor a obra do pintor valenciano, pero tamén para relacionala coa de varios artistas galegos de principios do século XX. A exposición conta con máis de setenta obras entre óleos, debuxos, notas de cor e obxectos etnográficos que foron seleccionadas entre ambas institucións. Todos estes elementos expositivos permitirán contextualizar a relación do artista con Galicia, facendo fincapé tanto na súa visión das nosas paisaxes e xentes coma nas súas amizades e relacións laborais cos seus colegas galegos.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse a través da sede electrónica a partir do vindeiro martes 9 de xaneiro, desde as 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. As prazas ocuparanse por rigorosa orde de solicitude.

A inscrición inclúe o desprazamento en autobús e a visita guiada no museo. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición e con preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.