O pleno aprobou unhas contas para este ano por importe de 6.550.000 euros, un 6,3% menos que o do exercicio do 2020, o derradeiro aprobado
Tamén foi aprobada as ordenanzas fiscais e reguladoras para vaos e o Plan Estratéxico de Subvencións 2024/2027
O Concello de Ponteceso contará desde os primeiros días do 2024 con orzamento aprobado para este exercicio económico. O pleno do Concello aprobou, nunha sesión extraordinaria celebrada na mañá deste martes día 2, as contas municipais, que prevén un equilibrio total entre gastos e ingresos de 6.550.000 euros.
Os tres votos a favor do Partido Popular, os dous de Partido Galego e o único de Agrupación de electores Adiante por Ponteceso superaron ao voto en contra de Espazo Común e ás tres abstencións do PSdeG-PSOE e foron suficientes para dar luz verde a un documento económico no que se duplica o investimento en atención aos dependentes a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e, á vez, se controlan os gastos de persoal.
Por unha banda, o goberno local investirá preto de 870.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar, o dobre do que se viña facendo nos derradeiros anos.
Doutra banda, o Concello de Ponteceso só creou un novo posto entre o plantel de persoal municipal. Trátase dun posto de técnico de museo necesario e que vén cofinanciado en parte pola Deputación de A Coruña. En total, os gastos previstos para persoal serán de 2,3 millóns de euros.
Así mesmo, o Concello prevé tres investimentos importantes en obras: un para pistas (130.000 euros), outro para a Casa dos Veciños en Langueirón (75.000 euros) e un terceiro para acondicionar o aparcamento de Valdes (48.000 euros). A estas tres partidas engádense outras varias para alcanzar un total de 407.000 euros neste 2024.
Así mesmo, o Concello de Ponteceso inicia o ano 2024 cunha débeda viva de 2.023.527,31 euros.
Os vaos
A maiores, na sesión plenaria tamén foron aprobadas as novas ordenanzas reguladora e fiscal de vaos e reservas de espazo do dominio público. A ordenanza reguladora foi aprobada cos votos a favor do PP (tres) e Partido Galego (dous). Mentes, PSOE (tres) e Espazo en Común (un) votaron en contra. O edil de Adiante por Ponteceso abstívose. O novo texto permitirá autorizar a creación de vaos de catro modalidades: permanentes, permanentes provisionais, laborais e de obra.
Mentres, coa ordenanza fiscal, establécese o necesario marco para cuantificar as taxas correspondentes á licencia deses vaos, pero tamén a cuantificación de infraccións tributarias e sancións no caso de impedir o paso nestes espazos reservados.
O PES, ata 2027
Por último, os partidos políticos aprobaron por unanimidade o Plan Estratéxico de Subvencións, que permitirá ás asociacións planificar os vindeiros anos sabendo xa a axuda que obterán da institución municipal. O Concello de Ponteceso destinará 170.000 euros ao ano a esta partida.