Friday 22 de November de 2024

Concello de San Sadurniño e Aldebarán asinan o convenio anual para o mantemento das escolas municipais de volei


Secundino García e Rubén Sixto, secretario do Club Aldebarán de San Sadurniño, reuníronse este mediodía na Casa do Concello para subscribir a subvención nominativa en favor da entidade coa finalidade de soster a escola desta disciplina, que conta neste momento con máis de 70 deportistas distribuídos en nove equipos, tanto masculinos como femininos, desde benxamíns até xuvenís. O importe da achega para todo este 2024 ascende a 30.000 euros e implica, ademais, o compromiso do club coa igualdade e a súa colaboración no desenvolvemenbto doutras actividades organizadas polo consistorio.

Tal e como recolle o texto da subvención nominativa, o Aldebarán “leva desenvolvendo dende a súa creación un labor de adestramento, integración e participación da mocidade, contando na actualidade coa participación de moitos rapaces e rapazas practicando este deporte en diferentes categorías deportivas, especialmente nas idades máis novas, o cal incide na proxección e na mellora da imaxe do municipio”.

O Concello pretende por medio do convenio “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, contando para iso coa “experiencia e capacidade organizativa” do club local en todas as actividades relacionadas coa “promoción e difusión por todo o territorio galego, e incluso estatal, deste deporte minoritario”.

O acordo subscrito este mediodía na Casa do Concello por Secundino García e Rubén Sixto, secretario do Aldebarán, encoméndalle ao club a xestión das escolas municipais da disciplina durante 9 meses e, por outra banda, concédelle ao club acceso preferente -que non exclusivo- ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que xoguen os seus equipos. Tamén lle ofrece a posibilidade de xestionar a publicidade estática ou móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.

Alén de xestionar as escolas, o CV Aldebarán San Sadurniño comprométese a colaborar co consistorio na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelaría, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos deportivos. Igualmente, a escuadra de Superliga 2 tamén deberá lucir na equipación o logotipo do Xeoparque Cabo Ortegal.

70 participantes nas escolas, só en San Sadurniño
Aldebarán conta cun equipo profesional xogando nos postos de cabeza da división de prata estatal. De feito, o grupo de SM2 dirixido por Pablo Gómez Parga finalizou a primeira rolda ligueira en segundo posto do Grupo A e en cuestión de días -do 12 ao 14 de xaneiro- disputará na localidade cántabra de Cabezón de la Sal a XVII Copa Príncipe xunto cos outros cinco equipos que encabezan os tres grupos da competición.

Ademais do primeiro equipo, o Aldebarán tamén conta neste momento con 70 rapazas e rapaces integrantes da escola de base, repartidos polas escuadras benxamín, alevín, invantil, cadete e xuvenil. Por outra banda, o club agarda consolidar neste 2024 o plan de difusión do volei na comarca iniciado trala pandemia. Neste momento ten en marcha un grupo de adestramento de 20 nenos e nenas no colexio Cristo Rey de Ferrol, outro con 40 compoñentes en Ortigueira e en breve iniciarán o traballo con 30 rapazas e rapaces no Concello de Cedeira. En breve podería confirmarse tamén o arranque da escola na localidade das Pontes.