Friday 22 de November de 2024

A maxia dos Reis Magos chegará a tódolos recunchos da Pobra


Previamente ao seu paso polos fogares para deixa-los agasallos, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán A Pobra do Caramiñal no 5 de xaneiro, segundo anuncian a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, e a técnica municipal Sara Sánchez.
Será unha intensa xornada que arrancará ás 10.30 horas co desfile das súas maxestades os Reis do Oriente en vehículos descubertos, coa saída dende A Ribeiriña, para chegar a tódolos lugares e parroquias. O itinerario poderase seguir en directo a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal e, a posteriori, colgarase tamén na canle do Youtube para que queda gardado para o recordo.
Logo de chegaren ao núcleo urbano, collerán folgos para, xa pola tarde, desfrutaren da tradicional cabalgata, que partirá ás 17.30 horas do polideportivo municipal de Venecia. Pero, antes, desprazaranse ata a residencia de maiores e o centro de día para sauda-las persoas usuarias.
O percorrido decorrerá a carón do paseo dos Areos, para parar no portal de Belén, na praza Alcalde Segundo Durán, con ocasión da ofrenda, e continuar pola rotonda da Covecha cara ás rúas Díaz de Rábago, da Paz e Gasset ata a casa do concello, onde terá lugar a recepción. A comitiva completarase con Sarao Animación, Trécola, Charanga Furruxa e Trópico de Grelos. En caso de chuvia, toda a actividade da tarde desenvolverase no referido pavillón.
Repartiranse, no total, 1 500 quilogramos de caramelos sen glute.
No que respecta ao dispositivo, participarán a Policía local e maila Protección Civil, ademais de contar co habitual servizo de ambulancia para actos multitudinarios. A edil tamén quere agradece-la colaboración da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, que presta algunhas das indumentarias empregadas; de Arrancadeira, que estará presente no portal de Belén; e das máis de corenta persoas voluntarias que botarán unha man durante a estadía de Melchor, Gaspar e Baltasar.
A maiores, enviáronse unhas 400 cartas a crianzas con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos despois de que os Reis Magos lle solicitasen á Administración local contactaren cos nenos e nenas por vía postal.