Serán recibidos na nave do Mercado de San Ramón ao remate dunha festa con chocolatada incluída que comezará ás 17:30h
O Papá Noel e o Apalpador son figuras destas festas que a rapazada agarda con moita ansia. Pero os Reis Magos son o top. Baltasar, Gaspar e Melchor levan séculos xogando na primeira división das ilusións infantís, colmando as nenas e nenos -e tamén ás persoas adultas- de agasallos materiais e inmateriais, solicitados sempre por medio dunha carta que se escribe con tempo abondo de adianto e que, tamén sempre, chega ao seu destino e é atendida de forma máxica. Os Magos de Oriente visitarán os fogares na noite do venres para o sábado, cando todas e todos esteamos na cama; pero en Moeche poderemos velos e falar con eles xa este mércores 3 de xaneiro, na festa que organizan o Concello e a ANPA do CEIP San Ramón a partir das 17:30h na nave do Mercado.
Moeche é practicamente o primeiro concello da comarca que recibirá ás Súas Maxestades. O Concello e máis a ANPA do CEIP levan varios anos adiantando uns días o encontro cos Reis, co obxectivo de que as familias de Moeche poidan velos e parolar con eles sen apuros nin aglomeracións. E a cousa funciona, xa que á festa acoden moitas nenas e nenos do noso concello e doutros da volta, baixo a escusa de atoparse cos Magos de forma anticipada e de facelo nun lugar a cuberto que ademais ofrece outros alicientes.
O primeiro deles é a propia festa animada por LaGuaGua, na que haberá moita música, xogos, obradoiros e tamén un castelo inchable… de balde e practicamente sen esperas. O segundo argumento, ademais de poder brincar a resgardo do vento e a auga, é o de poder tomar un rico chocolate con churros recén feitos (tamén de balde).
A parte de xogos comezará a iso das 17:30h e unha hora despois, a partir das 18:30h, empezará a chocolatada. A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar está prevista para as 19:00h. Un momento de grande balbordo no que os Reis fan a súa entrada triunfal sementando caramelos, rodeados de nenas e nenos con ollos abertos coma pratos.
As SS.MM. sentarán en cadanseu trono e atenderán devagar todo o que a cativería lle queira contar, case sempre recordatorios do xa reseñado nas cartas ou peticións e cambios de última hora que os Magos anotan mentalmente de cara ao reparto express da noite do 5 ao 6.
A festa de Reis do Concello de Moeche e a ANPA do CEIP San Ramón será a última proposta da programación do Nadal e a primeira actividade cultural deste 2024 recén estreado co desexo de que veña cargadiño de saúde e sorte para toda a veciñanza.