A exposición “O Xestal, unha vida de conto” pecha as súas portas no Pazo da Cultura cunha visita guiada teatralizada e un concerto do Colectivo Xestal
O 4 de xaneiro volveremos a lembrar a Carlos Díaz O Xestal con motivo do seu 31ª cabodano. Será o último acto dun extenso e completo Ano do Xestal, no que traballamos desde diferentes perspectivas co obxectivo de dignificar a figura e o traballo dun dos artistas galegos máis relevantes da nosa historia recente, músico e humorista autodidacta que tivemos a sorte de que elixise o noso concello para vivir, e tamén para morrer.
O de 2024 será un 4 de xaneiro moi especial, que poderemos celebrar arrodeados/as dos seus obxectos persoais, das súas coplas, das súas fotografías, dos seus discos… de todo o legado que integra a exposición O Xestal, unha vida de conto, aberta desde o 11 de outubro no Pazo da Cultura. Un marco excepcional para revivir a súa historia coa participación de Hadrián García, que nos guiará nunha visita dramatizada, e de persoas que o coñeceron tan de preto como Xurxo Souto, profesor, escritor, músico e activista cultural, que tanto ten achegado a este Ano do Xestal, ou como os integrantes do Colectivo Xestal: Xan López, Toniño López e Xico de Cariño, cos que Carlos compartiu tantos escenarios.
O acto será aberto, para que toda a veciñanza poida participar no peche deste Ano do Xestal, do que agardamos que prenda a semente para que a memoria de Carlos Díaz non volva caer no esquecemento e permaneza ano tras ano a través de actividades como as que levamos a cabo nos últimos doce meses. Aquí tedes un resumo:
4 de xaneiro de 2023. Coincidindo co 30º aniversario do pasamento de Carlos Díaz Gestal, a comisión organizadora do Ano do Xestal colocou unha placa e realizou unha ofrenda floral na súa tumba, no cemiterio parroquial de Razo. A parroquia de San Xoán Bautista tamén lle dedicou unha misa, cantada pola Coral Aires de Bergantiños.
Febreiro de 2023. O segundo mes do ano centrouse na divulgación da figura de Carlos O Xestal e do seu legado cultural nos centros de ensino. Todos os colexios públicos de primaria sumáronse á celebración do Ano do Xestal con distintos traballos: desde a recompilación de testemuños dos nenos e nenas da Cristina ata a introdución da súa figura no Entroido, como fixeron no San Luís Romero.
16 de abril de 2023. A Asociación Ambiental Senda Nova súmase á celebración coa Ruta do Xestal, que segue os pasos de Carlos Díaz polas parroquias de Oza, Razo e Lema. En total, 8 quilómetros aptos para todo o mundo.
20 a 24 de abril de 2023. A Semana do Libro e a Lectura tamén estivo dedicada ao Xestal. No colexio Bergantiños centraron nel o seu traballo, unha versión propia e Onde está Wally? que converteron en Onde está O Xestal?
15 de maio de 2023. Máis de 1.500 escolares de todos os centros públicos de primaria do noso concello reuníronse na Praza do Concello para interpretar O apaga o candil máis grande da historia, e con toda esta rapazada estiveron Xosé Ramón Gayoso, Xurxo Souto, Os Jalochos e unha pequena representación da Escola do Alprende.
17 de maio de 2023. Arredor do Día das Letras Galegas desenvolvéronse varias actividades. O propio 17 de maio, a Banda Municipal de Música, a Banda Municipal de Gaitas e o Coro do Conservatorio de Carballo interpretaron xuntos o mítico Apaga o candil.
24 de maio de 2023. Joseba Muruzábal asina o mural no que inmortalizou ao Xestal, nunha das fachadas da escola de Mirón (Bértoa), na esquina das rúas Carlos O Xestal e Francisco Miguel, que foi outro dos protagonistas deste ano. A iniciativa privada tamén se sumou á celebración do Ano do Xestal, e neste caso contamos coa colaboración de Pinturas Kromo.
28 de xuño de 2023. No 2023 dedicamos o Día do Orgullo a Carlos O Xestal. Na súa honra inauguramos o Xardín do Xestal, un espazo cheo de cores moi pretiño do Xardín de Rosalía e da Praza de Xela Arias, no Parque do Anllóns. O alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina participou activamente no acto, no que tamén houbo música e unha exhibición de papaventos.
8 de xullo de 2023. Na PLIC, coma no resto da programación habitual do Concello de Carballo, tamén homenaxeamos ao Xestal, neste caso coa presentación do libro “Os contos das risas serias: un percorrido por 83 relatos do Xestal”, de Xohán Xabier Baldomir Cabanas. Para a publicación do libro, que se esgotou en poucos días, tivemos a colaboración da imprenta da Deputación da Coruña.
13 de xullo de 2023. Sae á rúa un novo número do caderno de pasatempos “A píllara das dunas”, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da AS-PG, que no ano 2023 contou co Xestal como convidado da píllara para seguir coñecendo o noso concello e os nosos recursos naturais a través de pasatempos de todo tipo. A revista segue dispoñible.
8 de agosto de 2023. O centro social de Lema acolleu un fermoso acto de lembranza do seu ilustre veciño, que desde ese día conta na parroquia na que viviu cunha escultura de madeira realizada con motoserra polo artista Yosi Fervenza. O tronco foi doado por un veciño de Razo admirador de Carlos O Xestal. Na inauguración participaron a compañía carballesa de teatro Galeatro e o Coro Aires de Bergantiños, do que foi fundador.
18 de agosto de 2023. O tradicional festival folclórico do Verán Cultural estivo dedicado este ano ao Carlos O Xestal. Participaron a Banda Municipal de Gaitas, os grupos de música e baile tradicional das asociacións Nemeth e Arume, e, como non podía ser doutro xeito, o coro que fundou no noso concello, Aires de Bergantiños. Galeatro encargouse de que tamén tivese presenza a súa faceta de humorista.
Setembro de 2023. O Concello de Carballo convoca un concurso de postais para celebrar ao mesmo tempo o Día do Pan e o Ano do Xestal. Coincidindo co Día do Pan, o 16 de outubro, comezou a distribución das postais gañadoras, asinada por Juan Félix Gende, Óscar García, Cris Alborja e Lidia Loureiro. En total, 2.500 postais, que podes recoller de balde na Biblioteca Rego da Balsa ou no Museo de Bergantiños ata fin de existencias.
6 e 7 de outubro de 2023. A homenaxe do Festival Internacional Outono de Teatro a Carlos O Xestal fixo historia. O 6 de outubro estreouse no Pazo da Cultura a coprodución do FIOT e Contraproducións “Apaga o candil”, dirixida por Cándido Pazó e protagonizada maxistralmente por Avelino González como Carlos O Xestal.
8 de outubro de 2023. Arrinca o Outono en Marcha de Senda Nova cunha nova Ruta do Xestal, pero esta vez teatralizada por Galeatro.
11 de outubro de 2023 a 4 de xaneiro de 2024. Tamén no marco do FIOT inauguramos a exposición O Xestal, unha vida de conto, froito do traballo realizado ao longo de todo o ano pola comisión organizadora do Ano do Xestal para recuperar o legado e a historia do famoso humorista e músico. Grazas a ese traballo conseguimos recuperar a partida de nacemento de Carlos Díaz Gestal, que demostra que o seu nacemento non se produciu o 8 de agosto de 1933, como figura en todas as referencias, senón o 22 de agosto de 1932.
27 de novembro a 1 de decembro de 2023. Volvemos achegar a figura do Xestal aos escolares a través do espectáculo “Na procura do Xestal”, realizado pola compañía Galeatro. En cinco días pasaron pola Biblioteca Rego da Balsa todos os nenos e nenas de 3º e 4º cursos do noso concello.
E ademais de todo isto, O Xestal estivo presente durante todo o ano nas rúas de Carballo a través dos tótems que lembran a celebración do seu ano, nas chapas que empezaron a distribuírse o Día do Orgullo, nos libros que se repartiron e que souberon a pouco, nos cadernos de pasatempos ou nas postais que aínda tes á túa disposición, nos salvamanteis que empezaremos a distribuír en breve na hostalaría ou mesmo na felicitación de Aninovo do Concello… Mágoa que o concurso de contos humorísticos non puidese levarse a cabo, pero volveremos a intentalo. Grazas a todas as persoas, empresas e entidades que fixestes posible este gran ano. Longa vida ao Xestal!