Friday 22 de November de 2024

A Xunta abre mañá o prazo de solicitudes da primeira liña específica de apoio ás startups galegas


— A Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,5 M€ a este programa que cobre a totalidade dos gastos de lanzamento e consolidación de proxectos de emprendedores innovadores, ata un máximo de 20.000 euros

— O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro e a adxudicación será por concorrencia non competitiva

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, abre mañá martes, 2 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes do primeiro programa específico de apoio a startups galegas, ao que se destina 1,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar proxectos de emprendedores innovadores.

Para isto, os beneficiarios obterán o 100% dos gastos que xustifiquen para a posta en marcha ou o afianzamento das startups, cun máximo de 20.000 euros por iniciativa. Serán subvencionables os gastos ou investimentos nos que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro de 2024 ás 14 horas, agás que antes desa data se esgote o orzamento dispoñible. A adxudicación será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se resolverán por orde de rexistro de entrada da solicitude. A orde publicouse no DOG o pasado 1 de decembro, para así facilitar aos beneficiarios a preparación dos proxectos ao tratarse dun programa novo.

As startups galegas teñen tamén á súa disposición as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; e outras iniciativas como ViaGalicia.