A pesar de que o tempo non acompañou, preto de 180 atletas, federados e non federados, tomaban parte esta mañá na “II San Silvestre de Neda”. Unha cita organizada polo Concello, pertencente ao calendario oficial Federación Galega de Atletismo e incluída no “IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña”. A proba, na que se mesturaron a compoñente competitiva e máis a festiva (non faltaron os tradicionais complementos de Nadal), tivo como punto de saída e de meta a pista polideportiva do Roxal, e contou coa imprescindible colaboración dos voluntarios/as de Protección Civil.
No que atinxe aos resultados, Juan Rejas Gabeiras (1º), e os nedenses Jonathan Fernández (2º) e Eloy Breogán Villanueva Rico (3º) encabezaron a clasificación masculina da proba absoluta (5,4 km de percorrido, á beira do río Belelle ata a contorna da Fervenza). Mentres, na feminina impuxéronse Begoña Pacio (1º), Nuria Mejuto (2º) e Sonia Corral (3º). O acto de entrega de trofeos, tres por categoría masculina e feminina, estivo presidido polo alcalde Ángel Alvariño.
Os resultados da proba poden consultarse ao detalle na web www.carreirasgalegas.com