Saturday 16 de November de 2024

Doce badaladas, doce uvas e moitos desexos para a entrada ao 2024 na Pobra


A Pobra do Caramiñal quixo adianta-la benvida ao 2024 cunhas prebadaladas dende a casa consistorial.
Pouco antes do mediodía, a música dun DJ comezou a soar nas inmediacións para ir animando o ambiente mentres se repartían máis de 300 bolsas de uvas e 650 cotillóns que se esgotaron en pouco tempo.
O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, deron a benvida á numerosa veciñanza congregada para xa dar paso á presentadora: Tania Fuegho.
Botando man do humor, a artista dixo que “o alcalde este ano fíxome chegar a mensaxe de que fixo un pedido de mil millóns de luces LED para ter o mellor alumeado habido e por haber, pero adiantouse Abel Caballero e, entre el e o alcalde de Badalona, acabaron coa existencia de bombillas nas fábricas. O ano que vén, ides ter tantas luces na Pobra que, ás doce da noite, ides ter que sacar a pasear o can con gafas de sol.”
Tamén tirando de retranca deu paso á lectura dunha carta dirixida aos Reis Magos coas peticións dos e das pobrenses:
1. Que os San Juerguines sexan declarados a mellor festa da contorna e que non se lle dea tanto bombo á Dorna.
2. Que igual ca este ano, o concello estea limpo de herbas e non haxa nin unha soa herba asomando nun camiño ou beirarrúa.
3. Que o organismo competente limpe a estación de bus e que non se teñan que destinar os cartos de limpar as nosas herbas para limpar a estación.
4. Luz, queremos luz no aparcadoiro do porto. Vostedes que son sabios e máxicos, han saber onde sobran luces… Fagan favor de que se lle ilumine a bombilla a alguén na cabeza para saber que é algo necesario. Unha! Unha soa bombilla! Xa evitaría que andemos ás apalpadas polo aparcadoiro.
Pero tamén houbo momentos de poñer en valor a beleza da vila e a calidade humana da súa xente, ademais de reivindica-lo poder da cultura como axente de cambio. “A cultura tamén chega ao poder, a cultura está en tódolos ámbitos dunha sociedade capaz, a cultura é riqueza. A riqueza de que os vosos nenos e nenas queiran ser artistas, músicos, escritores, actores… O que sexa que queiran ser”, manifestou. Por iso, Lois, Noa, María Touzón e Clara, en representación da rapazada que asiste ás clases de teatro musical con Mimarte, interpretaron unha canción.
E os veciños e veciñas celebraron en conxunto o Aninovo.
A troula segue por todo o núcleo urbano coa charanga Os Festicultores na sesión vermú. Xa pola tarde haberá unha festa xuvenil na Casa da Mocidade con DJ e, á noite, toca celebra-lo novo ano no toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán coa Discomóvil Chocolate.