As axudas publicadas no DOG inclúen 18 beneficiarios da USC, 46 da UVigo e 39 da UDC
A Xunta de Galicia concede un total de 103 axudas de matrícula gratuíta de máster oficial nas universidades públicas galegas este curso para desempregados. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución das axudas, que oscilan entre os 591 e os 835,8€, en función da titulación.
O obxectivo é apoiar a mellora da cualificación destas persoas, facilitando que cursen un máster universitario que lles proporcione unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional e melloren así o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.
Por universidades, 18 dos beneficiarios estudan un máster na de Santiago de Compostela (USC), 46 na de Vigo (UVigo) e 39 na da Coruña (UDC). A maior parte, 60 bolseiras, son mulleres.
Profesorado, o máis cursado
O máster máis cursado entre os beneficiarios é o do Profesorado, que estudan 46 bolseiros. Ademais, con tres beneficiarios cada un, destacan titulacións como os máster en Prevención de Riscos Laborais, Prevención en Riscos Laborais e Riscos Común, Finanzas, Avogacía e Procura, Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e Tradución Multimedia.
Para acceder a estas axudas, as persoas candidatas deberon rematar os estudos universitarios de grao antes do 30 de setembro de 2022 e estar en situación de desemprego. Ademais, deben estar matriculadas nun máster universitario oficial en Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.