As Súas Maxestades de Oriente chegan á localidade padernesa na mañá do xoves 4 de xaneiro
Tras unha cabalgata matinal por todas as parroquias, as carrozas reais participarán pola tarde nunha novidade: un pasarrúas que rematará no Telleiro, onde haberá música, talleres, roscón e agasallos para a rapazada
O Concello de Paderne logrou convencer aos Reis Magos para que se visiten á rapazada padernesa cun día de antelación. Mentres no resto de municipios da contorna as Súas Maxestades de Oriente chegarán o venres día 5, Paderne recibirá a visita real durante todo o xoves día 4 de xaneiro.
Melchor, Gaspar e Baltasar escoitarán á rapazada de Paderne durante a tarde do día 4, nun evento que se celebrará na carpa da Praza do Telleiro e que será gran novidade no municipio.
Nese encontro vespertino, os cativos poderán expresarlle aos Reis Magos os seus últimos desexos e, á vez, desfrutar de talleres e música. Haberá roscón tamén para os maiores que os acompañen e ademais, entregaranse agasallos para todos os que participaron no concurso ‘Paderne ten estrela’, unha iniciativa que buscaba que os mozos e mozas expresasen as súas calidades artísticas con debuxos e decoracións. Ditas obras estarán expostas na carpa para que todos e todas poidan contemplalas.
Ao Telleiro, a comitiva real chegará en torno ás 18:15 horas coas súas carrozas reais, que irán acompañadas dun pasarrúas en forma de batucada. A procesión arrincará ás 17:30 horas da Casa do Concello e prégase que as familias agarden o paso dos reis nas beirarrúas.
Previamente, pola mañá, os Reis Magos chegarán a Paderne para pasar por todas as parroquias coa cabalgata real. Os monarcas sairán de Paderne aldea sobre as 12:30 horas (concretamente da Casa Consistorial) e pasarán, nesta orde, por Obre, Quintas, Adragonte, Vigo (Esperela – San Mamed), Vilamourel, Velouzás e Souto, ata chegar de novo a Paderne.
“Vai ser unha boa oportunidade para que os cativos e cativas de Paderne e dos arredores poidan desfrutar da presenza das Súas Maxestades case en exclusiva”, explica o alcalde padernés, Sergio Platas, que sinala que este ano fíxose unha aposta por reforzar a programación cos Reis Magos “non só para que pasasen parroquia por parroquia, senón tamén para evitar o illamento e crear unha gran festa para que os nenos e nenas compartan momentos, pero tamén para toda a veciñanza, que está invitada”.