O noso concello recibiu no 2023 cinco galardóns que recoñecen a calidade dos servizos que prestamos á cidadanía
Evencio Ferrero recolleu o 14 deste mes de decembro o premio á mellor entidade pública galega do 2023 en materia de xestión deportiva, un galardón que recoñece a singularidade e a eficacia do sistema público de xestión da actividade deportiva polo que apostamos no Concello de Carballo, e que resulta especialmente meritorio porque quen o outorga é a entidade que agrupa aos xestores deportivos de toda Galicia.
O recoñecemento acadado polo noso concello nos XIV Premios Galicia á Xestión Deportiva foi o último doutro ano marcado polos sucesivos recoñecementos á xestión municipal en materias como o deporte, a cultura e o medio ambiente.
No mes de febreiro chegaba o primeiro premio do ano cando os profesionais da cultura de todo o Estado que forman parte da prestixiosa Fundación Contemporánea recoñecían o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) como Insignia Cultural de Galicia, é dicir, como evento cultural máis importante do ano 2022 na nosa comunidade autónoma. Como no caso anterior, o premio é especialmente meritorio, porque foi o resultado das votacións de 405 profesionais da cultura dos ámbitos público, privado e independente. O FIOT sitúase ao mesmo nivel que o Museo del Prado ou o Festival de Cine de San Sebastián, ou o Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, insignias culturais das súas respectivas comunidades autónomas.
A xestión cultural seguiu dándonos alegrías co Concurso María Moliner, unha iniciativa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir ás bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que desenvolvan proxectos singulares de animación á lectura. A Biblioteca Rego da Balsa acadou no 2023 o seu cuarto María Moliner, neste caso co proxecto Libros de Carballo, que recompila as case 150 actividades desenvolvidas ao longo do ano para todos os sectores da sociedade.
O Concello de Carballo tamén continúa acumulando distincións pola xestión medioambiental. Despois de conseguir no 2022 o premio Cegasal á traxectoria persoal de Evencio Ferrero, o segundo posto no prestixioso Premio Cidade Sostible (converténdonos no segundo concello máis sostible do Estado despois de Málaga), unha Escoba de Plata ou 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor, no 2023 repetimos recoñecemento neste último, ao acadar de nova 3 Flores de Honra en recoñecemento polo traballo realizado na mellora do espazo verde urbano. E ademais acadamos o galardón anual de Aproema (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia) na categoría de Entidades Públicas, o que recoñece a nosa Estratexia Carballo 2030 como o proxecto público máis sostible de Galicia.