A proposta do Concello de Carballo acadou unha das axudas do proxecto PIMA cambio climático
O catálogo municipal de árbores incluirá en breve 29 exemplares máis. Carballo foi un dos vinte concellos galegos, e o único da Costa da Morte, beneficiario da liña de axudas convocada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para o desenvolvemento do proxecto PIMA destinado á realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático (resolución publicada no DOG do 16 de novembro).
A actuación realizada polo Concello de Carballo, cofinanciada polos fondos do Plan PIMA Cambio Climático, enmárcase no apartado de intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o efecto illa de calor urbana mediante o sombreado natural ou artificial de rúas e prazas, a redución da impermeabilidade do solo, a captación de augas pluviais, a creación de microclimas con láminas de auga ou a aplicación de solucións bioclimáticas, entre outras.
No noso caso optamos por inserir superficies permeables e arborado nas franxas de aparcamento das rúas Perú (entre a rúa Pontevedra e a avenida de Razo), Enrique Sánchez, Avilés de Taramancos e Bos Aires (fronte á Biblioteca Municipal Rego da Balsa), nas que se substitúe o pavimento existente por zonas de celosía dotadas con cadansúa árbore: 29 en total, distribuídas do seguinte xeito:
• Rúa Enrique Sánchez: 3 exemplares de Betula alba (bidueiro branco)
• Rúa Perú: 9 de Prunus serrulata (cereixo xaponés)
• Rúa Bos Aires: 4 de Albizia julibrissin (árbore da seda)
• Rúa Perú: 9 de Albizia julibrissin
• Rúa Avilés de Taramancos: 4 de Betula alba
O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Medio Ambiente e Mobilidade, Miguel Vales e Juan Seoane, realizaron unha visita ás obras, que consistiron no corte, a demolición e a retirada do pavimento asfáltico e a escavación do oco necesario para a plantación de cada árbore e para garantir o seu crecemento.