Friday 22 de November de 2024

A Deputación pretende atribuírse as obras do Concello de Oleiros


A Deputación da Coruña está a enviar unha carta a todos os domicilios mediante a que pretende atribuírse como propias obras do Concello de Oleiros. A selección, autoría e execución de todas as actuacións que se mencionan no documento é do Concello.

Tal e como está regulado por lei, os concellos reciben fondos das distintas administracións. A Deputación, igual que a Xunta e o Estado, realiza achegas económicas a través de diversos fondos, plans, programas e subvencións. Son cartos dos concellos, que cada Goberno municipal xestiona e cos que, entre outras cousas, se financian obras públicas, como as recollidas na carta.

“Dicir que o parque das Trece Rosas ou a pista de patinaxe de Bastiagueiro –por citar dúas- decidiuno a Deputación… É que manda truco! Todas as obras das que fala a Deputación na carta son do Concello e as fixo o Concello, con cartos que obrigatoriamente nos ten que entregar a Deputación. Pero póñeno como se fosen eles. É indignante!”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.

O esperpento é aínda maior polo feito de que a Deputación non fale das obras que si realizou directamente nos últimos anos en Oleiros, en estradas da súa titularidade -ampliación da estrada da Besta en Mera, a rotonda da Chasqueira en Iñás, beirarrúas na avenida de Venezuela, contratación da reurbanización da avenida de Santa Cristina…-. Todas estas actuacións da Deputación foron realidade tras numerosas solicitudes e demandas do alcalde a través da súa participación na corporación provincial como deputado; así como polos anteproxectos e a obtención previa do solo necesario por parte do Concello.