Saturday 23 de November de 2024

Inés Rey: “A Compañía de Tranvías forma parte da identidade coruñesa dos últimos 120 anos”


A alcaldesa presentou a exposición ‘Compañía de Tranvías. 120 anos ao servizo da Coruña’ na sala de exposicións Salvador de Madariaga

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde a presentación da exposición ‘Compañía de Tranvías. 120 anos ao servizo da Coruña’, que se atopa na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga. O acceso á mostra estará aberto á cidadanía ata o vindeiro 2 de marzo. A rexedora estivo acompañada por Nereida Canosa, concelleira de Mobilidade, José Prada, presidente da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías, e Rubén Ventureira, comisario da exposición.

“A Compañía de Tranvías forma parte por méritos propios da identidade coruñesa dos últimos 120 anos, onde tivo un papel protagonista da evolución da cidade e o seu transporte público”, indicou Inés Rey durante a súa intervención. A mostra leva a cabo un completo percorrido pola historia da empresa, desde os tempos do tranvía clásico á actualidade. Nela pódense atopar preto dun cento de imaxes, así como diversos obxectos de gran relevancia como un antigo surtidor dos anos 30, tornos de entrada dos anos 60 ou carteis informativos de distintos períodos.

“A mobilidade sostible e o transporte colectivo serán uns dos grandes retos do vindeiro 2024 para a cidade e a Compañía de Tranvías formará parte del como un axente de gran relevancia”, indicou a alcaldesa, que animou a cidadanía a visitar a exposición.