Despois do Nadal comezará a execución dos tres parques incluídos no proxecto Carballo para a infancia: Praza do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal
Xa podes desfrutar do renovado complexo recreativo da Ponte de Bértoa, no que vimos de realizar un investimento de 150.000 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, puido comprobar hoxe o resultado da actuación. Como en todas as obras que se están a levar a cabo nos parques, non se trata unicamente de renovar os xogos senón tamén de mellorar a accesibilidade e facilitar a inclusión mediante a introdución de elementos adaptados, ademais de crear espazos para o descanso, para o deporte e para o ocio de toda a familia.
Nesta actuación, en concreto, procedeuse á renovación total da zona de xogos, a primeira do concello na que se instala céspede artificial especial para uso infantil. Tamén se acometeu a reforma integral da pista polideportiva, de formigón pulido, apta para a práctica de fútbol sala, balonmán e baloncesto, e ademais creouse unha nova zona de calistenia. Ademais, renováronse os cerramentos e colocáronse bancos novos.
As obras foron executadas pola empresa Jardinería Arce, a mesma que iniciará despois do Nadal as tres actuacións incluídas no proxecto Carballo para a infancia, que ten un orzamento de medio millón de euros. Grazas a este investimento, cofinanciado pola Deputación da Coruña, acometeremos a renovación integral dos parques infantís das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal.
Pola súa banda, a empresa Vázquez y Reino encargarase da reforma integral do parque infantil de Razo, no que se realizará outro investimento de case 150.000 euros.
A intención da Concellaría de Servizos de cara ao ano que vén é seguir avanzando na mellora dos parques infantís existentes e na creación de novos espazos de xogos onde resulten necesarios.