Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Deputación acordan ampliar o convenio de colaboración do Teatro Colón ata 2025


O Goberno municipal será o responsable da programación un ano máis tras a sinatura do acordo por parte do concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, asinou esta mañá a ampliación do convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña que amplía a xestión por parte do Goberno municipal por un ano, ata decembro de 2024. Por parte da Administración provincial asinou o documento a deputada responsable de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Natividad de Jesús González. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey, que impulsou no anterior mandato este acordo, continuará facéndose cargo da programación e o desenvolvemento dos distintos espectáculos realizados neste espazo.

O Concello xestionará a través do IMCE as ditas actuacións e eventos do Teatro Colón. A Deputación sinala neste texto que debe ser o Goberno municipal quen xestione este espazo cultural dentro da súa rede pública, pese a que o teatro é de propiedade provincial.
“Coa sinatura desta mañá, o Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso coa cultura e os diferentes espazos onde se realizan eventos de distinto xénero, sendo o Teatro Colón un referente a nivel nacional en programación grazas ao traballo levado a cabo desde o Concello durante estes anos”, indicou Gonzalo Castro. O obxectivo é contribuír a defender e divulgar os valores socioculturais da cidade, potenciar o desenvolvemento das actividades culturais no seu conxunto, levar a cabo e xestionar os programas do Concello relacionados con actividades culturais de interese para a cidadanía, xestionar e promocionar todos aqueles espectáculos que poidan dinamizar a oferta cultural da Coruña e xestionar as instalacións e o equipamento municipal.

A Deputación achegará a través deste acordo 500.000 euros, dos que 350.000 estarán dedicados a financiar os custos da programación que realice o IMCE e 150.000 euros ao mantemento da instalación. Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade destes, venda de entradas, limpeza do inmoble e seguros.