Saturday 16 de November de 2024

O Instituto de Transición Xusta ofrecerá varios cursos para persoas desempregadas da comarca


A formación está orientada ao campo das enerxías verdes, que prevé crear a medio prazo un mínimo de 200 postos de traballo na nosa zona

O próximo 9 de xaneiro ás 10:00h terá lugar na Casa Dopeso (As Pontes) unha charla informativa sobre o programa de formación que se vai desenvolver proximamente en Cerceda, As Somozas e Vilalba, como parte do plan de recolocación de persoas afectadas polo peche das térmicas das Pontes e Cerceda, do que tamén poderán beneficiarse aquelas desempregadas e desempregados de máis de 52 anos dos concellos acollidos aos convenios da transición xusta, entre eles San Sadurniño. Os cursos que se ofrecerán centraranse na especialización en instalacións solares fotovoltaicas, enerxía eólica, infraestruturas verdes (drons e xestión de residuos), rehabilitación enerxética, seguridade e saúde, operación de carretillas e manexo de maquinaria pesada. Para ampliar información pódese chamar ao 635 401 718 ou enviar un correo a isabel.martinezrivas@lhh.com.

O obxectivo do programa é acadar a inserción laboral de traballadoras e traballadores en situación de desemprego tralo peche da central de Endesa a raíz do proceso de descarbonización, que en todo caso han de ter feita a inscrición na bolsa de emprego do Instituto de Transición Xusta.

Porén, nas accións formativas previstas tamén poderán participar persoas de 52 ou máis anos que estean empadroadas nos municipios de As Pontes, A Capela, Cabanas, Monfero, Xermade, Vilalba, Muras, As Somozas, San Sadurniño, Mañón, Moeche, Cerdido, Ortigueira e Ferrol.

Os cursos, de entre 80 e 100 horas, levaranse a cabo se existe un número suficiente de solicitantes -un mínimo de 10 e un máximo de 25- e sempre e cando haxa polo menos un 30% de mulleres inscritas en cada un deles, posto que se trata dun colectivo prioritario.

Con todo, desde LHH, a consultora que xestiona o programa, explícase que as persoas interesadas deberán indicar na solicitude os cursos que desexan facer en orde de prioridade. Desta maneira poderán crearse grupos ao longo do ano para levar a cabo a oferta formativa completa, moi relacionada coas enerxías renovables, aínda que tocará múltiples ámbitos e facilitará acreditacións das aptitudes para facer cada traballo:

Enerxía solar: Interpretación de planos e esquemas en modelo BIM para operarios/as e persoas instaladoras. Intalador/a eclectricista. Instalacións de enerxía solar fotovoltaica.
Enerxía eólica: Traballos en altura en instalacións de enerxía eólica (con acreditación de cumprimento dos estándares sectoriais europeos).
Infraestruturas verdes: Manexo de drons para vixilancia ambiental (con certificación para varios escenarios STS da AESA). Xestión de residuos.
Rehabilitación enerxética: eficiencia enerxética
Seguridade e saúde laboral.
Certificación de operación de carretillas elevadoras
Certificación de manexo de maquinaria pesada.
A maiores dos contidos específicos, a formación tamén inclúe un módulo de empregabilidade preparatorio para afrontar procesos de selección. A este respecto cómpre destacar que o Instituto de Transición Xusta e as empresas da comarca que levarán a cabo proxectos vinculados á descarbonización enerxética teñen como obxectivo crear a curto prazo polo menos 200 novos postos de traballo no campo das enerxías verdes. De aí que contar coa capacitación axeitada -e moi orientada á práctica- sexa un importante punto a favor de cara a acceder a eses novos perfís que, en teoría, demandará en breve o mercado laboral da comarca.

De todas estas cuestións falarase na xuntanza informativa que se celebrará o martes 9 de xaneiro ás 10:00h na Casa Dopeso, nas Pontes. Explicaranse todos os pormenores e requisitos de acceso, os módulos formativos de cada curso e tamén os compromisos de contratación por parte das empresas do sector. Ese mesmo día, ademais, as persoas interesadas xa poderán botar a súa solicitude. Quen desexe ampliar información -ou quen non poida asistir á sesión do día 9- pode contactar coa consultora LHH no 635 401 718 ou no correo isabel.martinezrivas@lhh.com.