Friday 22 de November de 2024

O goberno de Rioboo incumpre os acordos para aprobar o crédito extraordinario


O primeiro punto deixaría sen efecto a proposta que BNG e PSOE votaron a favor en outubro para detallar o destino das partidas orzamentarias, mellorando a transparencia na execución do gasto

O goberno en minoría do PSOE amósase intransixente e totalitario, sen dar nin un aceno de vontade de chegar a acordos co resto de forzas

En sesión extraordinaria, solicitada e convocada polo Alcalde tras deixar 2 asuntos sobre a mesa na sesión do pasado martes, o Pleno de Culleredo votou en contra da proposta de crédito extraordinario e suplemento de crédito aprobada inicialmente no mes de outubro cos votos a favor de PSOE e BNG.

O BNG votou en contra da proposta de aprobación definitiva por teren alterado o acordado desde o goberno de Rioboo, xa que pretendía deixar sen efecto os acordos que levaron ao voto favorable da súa aprobación inicial. A emenda proposta polo BNG e votada a favor polo PSOE en outubro, procuraba detallar o destino das partidas orzamentarias para aumentar o control e a transparencia no gasto por parte do goberno municipal.

Mais agora o Pleno rexeitou a aprobación definitiva do crédito extraordinario, xa que é notablemente diferente á proposta que fora aprobada provisoriamente hai dous meses. O BNG propuxo aprobar a proposta definitivamente mantendo o acordo do Pleno celebrado en outubro, proposta que é agora rexeitada polo goberno municipal. O BNG procuraba así forzar ao goberno a cumprir coa Lei, a que presentasen uns orzamentos para o ano 2024 que deberían ter sido presentados hai 3 meses, co obxectivo de rachar coas malas prácticas do goberno municipal socialista na xestión das arcas públicas.

A Intervención Municipal emitiu informe a respecto da execución do acordo aprobado en outubro, sen desestimalo en ningún momento por falta de lexitimidade ou de competencia do Pleno para chegar a dito acordo, unicamente advertindo das dificultades para levalo a cabo nos escasos días que restan ao exercicio 2023. Así é todo, o BNG considera fundamental manter ese acordo para mellorar a transparencia na execución dos orzamentos municipais no futuro.

Noutro punto da orde do día, dos que quedaran sobre a mesa no Pleno Ordinario celebrado o pasado martes 26, o goberno do PSOE sacou adiante a súa proposta para levantar os reparos emitidos pola Interventora Municipal a respecto do pago de gratificacións polas horas extra realizadas por persoal municipal, especialmente dalgúns membros do corpo de Policía Municipal. O Partido Popular facilitou a aprobación deste punto coa súa abstención, a pesar de tódalas dúbidas legais expresadas pola Interventora de viva voz durante o Pleno, nas que indicou que, efectivamente, de aprobarse o levantamento dos reparos podería excederse o máximo legal determinado pola Lei para a partida de gratificacións (segundo o artigo 7 do Real Decreto 861/1986), ou que os responsables técnicos de xestión deberían emitir informe a este respecto. O BNG solicitou deixar o asunto sobre a mesa agardando poder contar co informe solicitado a respecto da legalidade de ditas gratificacións, que poderían exceder o límite máximo fixado pola Lei, tanto en número de horas como na dotación orzamentaria máxima neste concepto. Esta situación é semellante á que se está a dar noutros concellos da contorna, como o Concello de Cambre, e que nos leva a elevar as esixencias de seguridade xurídica. Esta situación é semellante á que se está a dar noutros concellos da contorna, como o Concello de Cambre, e que nos leva a elevar as esixencias de seguridade xurídica. O propio Alcalde afirmou que asumiría as posibles responsabilidades xurídicas que puideran derivar desta situación..

O goberno de Rioboo estase mostrando totalmente incapaz nesta nova andadura, despois das eleccións de maio. Non é quen de sacar adiante o traballo municipal cotián e non pon ningún interese en chegar a acordos coa oposición, agora que non dispón da maioría absoluta que lle permitíu decidir libremente até o momento. Como exemplo, é notorio que a aprobación dun crédito extraordinario teña que ser votado a día 26 de decembro. Pero aínda é peor se lle engadimos que a estas alturas aínda non sabemos nada do proxecto de orzamento para 2024 que o BNG ten solicitado en numerosas ocasións.