• A instalación situada na Alameda contou onte coa visita das edís de Turismo e Servizos Sociais, Isabel Rego e Elisa Dorna
• O acceso é gratuíto co único requisito de portar luvas e estará aberta ata o sábado 30 incluído
Os veciños e veciñas de Ortigueira xa gozan da pista de xeo. A instalación situada na Alameda abriu onte mércores as súas portas pola mañá e tanto nese horario matutino como no vespertino atraeu a decenas de ortigueireses e ortigueiresas. Tivo especial éxito entre os sectores infantil e xuvenil, que aproveitaron as vacacións de Nadal para gozar da patinaxe máis asociada ao inverno.
A pista de xeo estará aberta ata o sábado día 30 incluído, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. O seu acceso é totalmente gratuíto, co único requisito de portar luvas nas mans durante o tempo de patinaxe. A maiores, a carpa instalada conta con música e inchables para complementar as actividades.
A edil de Turismo e Patrimonio, Isabel Rego, e a responsable de Servizos Sociais e Igualdade, Elisa Dorna, acudiron a visitar o espazo instalado polo Concello de Ortigueira con motivo das festas do Nadal. “Apostamos por esta pista e as súas actividades complementarias como forma de ofrecer unha alternativa de lecer na localidade sobre todo para o público máis novo. Entendemos, ademais, que debe ser gratuíta para que todas as persoas que se queiran achegar poidan gozar, con independencia das circunstancias económicas”, apuntaron.