Friday 22 de November de 2024

Montserrat Fajardo, gañadora da edición 2023 dos Premios SELIC con ‘Onde habita a tolemia’


Montserrat Fajardo é a gañadora da séptima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra ‘Onde habita a tolemia’ na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.

O xurado considera que a obra ‘Onde habita a tolemia’ é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.

A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.

O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.

Montse Fajardo

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional vinculouse nomeadamente ao xornalismo, especializándose nos últimos anos en memoria histórica e feminismo.

Ata xullo de 2023 foi técnica de memoria histórica na Deputación de Pontevedra, cargo que asumiu en 2021. Entre ese ano e o 2014 coordinou o proxecto ‘A memoria das mulleres’, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Pontevedra, e anteriormente traballou como redactora en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo. Actualmente é colaboradora habitual do faladoiro radiofónico de Radio Arosa-Cadena SER e do xornal Nós Diario.

En solitario é autora dos libros Matriarcas (2012), Un cesto de mazás (2015), Invisibles. (2017), O escalón de Ulises (2018) e A vida incerta (2020).

Foi comisaria e autora dos textos das exposicións itinerantes Sinaladas, a loita das galegas no século XX, (Deputación da Coruña, 2023) e Rexas, mulleres baixo o terror franquista, (Deputación de Pontevedra, 2017). Ademais foi co-comisaria e co-autora da exposición Do gris ao violeta (Concello de Pontevedra, 2016).

Como técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra coordinou as xornadas Na loita contra a impunidade celebradas en Pontevedra entre 2019 e 2022, e varios libros sobre memoria, para os que ademais escribiu capítulos.

En 2018 foi a gañadora do premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo.