O pavillón municipal de Moeche é durante esta semana un rebumbio constante. Fútbol sala, tiro con arco, xogos cooperativos, escalada e outras actividades encherán até o venres as mañás das 13 nenas e nenos inscritos no Campamento Deportivo de Nadal, unha proposta a medio camiño entre o lecer infantil e a conciliación familiar organizada polo Concello. Ademais de brincar en todo o que organiza Daniel Feijoo, técnico de Deportes, a cativería tamén recibe algunha que outra visita de clubes e deportistas para coñecer distintas disciplinas, como ocorreu hoxe co Cedeira Basket Club.
A xornada no pavillón municipal comeza ás 10:00h e prolóngase até as 14:00h. Catro horas moi intensas nas que os nenos e nenas -todas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos- teñen abondo que facer, descansando entre xogo e xogo e parando a media mañá para tomar a merenda.
As opcións que prepara diariamente o monitor son moi variadas, combinando deportes habituais nas axendas da cativería con outros menos coñecidos que as pequenas e pequenos descobren gracias ao campamento municipal. Algúns deles son o tiro con arco, o bádminton ou a escalada nun pequeno rocódromo instalado este mesmo ano polo Concello.
Contidos lúdicos que se reforzan coa visita de deportistas e clubes que, en resume, lles trasladan que non todo é fútbol e que existen outras alternativas. Hoxe mesmo tiveron unha sesión co Basket Club Cedeira, con quen aprenderon algúns movementos e regras básicas do baloncesto.
O obxectivo principal deste Nadal Deportivo é traballar durante as vacacións a psicomotricidade, a coodinación e a concentración, ademais de aprender outros hábitos saudables relacionados co exercicio diario e unha boa alimentación, sen contar con que as pequenas e pequenos tamén interiorizan valores como o da igualdade, a empatía e a cooperación.
Os Reis veñen o mércores
O campamento deportivo forma parte da programación de Nadal do Concello de Moeche. Un calendario que finalizará o próximo mércores 3 coa visita dos Reis Magos de Oriente. Baltasar, Gaspar e Melchor chegarán a Moeche moito antes que a outras partes da comarca, ofrecéndolles ás nenas e nenos a oportunidade de falar con eles sen apuros nin aglomeracións e incluso a de poder entregarlles a carta en man, con garantías de que os Magos teñan marxe de tempo suficiente para conseguir os agasallos antes da madrugada do 5 ao 6 de xaneiro.
A festa de benvida aos Reis terá lugar na nave do Mercado a partir das 17:30h. As familias atoparán alí inchables, camas elásticas, música, obradoiros e xogos para a xente miúda, ademais de chocolate con churros recén feitos.