Un total de 13 familias do municipio beneficiáronse no 2023 do programa de axudas, dirixido aos país e nais de Neda que inscriban no padrón municipal aos seus fillos/as nacidos ou adoptados ao longo deste ano. Trátase dunha subvención de pago único por importe de 300 euros ou de 600 euros, no caso de menores con discapacidade.
Apuntan dende o departamento de Servizos Sociais que, de non presentarse novas solicitudes nos días que restan para finalizar o ano, serán dúas familias máis que no 2022 as que recibiron este apoio económico municipal. A través desta subvención, o Concello dá a benvida aos novos bebés nedenses, colaborando coas familias nos abundantes gastos derivados dos primeiros meses de crianza.
Poden optar ao denominado “cheque 300” os pais/nais, empadroados/as no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, que o soliciten no prazo de tres meses tras a alta censal do menor.
É requisito indispensable para recibir os cartos que os proxenitores asinen un compromiso de manter o empadroamento en Neda durante un período mínimo de catro anos, co obxectivo así de facer efectiva a finalidade da axuda, que non é outra que contribuír a fixar poboación nova no municipio.