· A cita congregou a máis de sesenta xadrecistas de diferentes idades e procedentes de toda a provincia.
Máis de sesenta xadrecistas de diferentes idades e procedentes de toda a provincia se deron cita, o pasado sábado, no XXII Torneo de Nadal de Xadrez de Carral.
Algúns dos competidores eran de Carral, pero o certame reuniu tamén a xente doutros municipios como Cambre, Sada, Betanzos, A Coruña, Oroso, Santiago de Compostela, Ferrol, Cee ou Noia, entre outros. En canto ás idades, o certame carralés atraeu aos máis pequenos e pequenas e contou tamén con participantes de ata 76 anos.
Na categoría Sub 10º, o primeiro posto foi para Marco Marcote, o segundo para Christian Noya e o terceiro para Mar Rodríguez. No Sub 14º, Andrés Blanco fíxose co primeiro premio, Emma Campelo conseguiu o segundo e Emma Cernadas o terceiro. Na categoría de Absoluto, o ránking foi o seguinte: primeiro posto para Jorge Rodríguez, segundo posto para David Cernadas e terceiro para Marcos Javier Martínez. A nivel local, entregóuselle un premio ao xadrecista Xosé Manuel Zapata Pérez.
O alcalde, Javier Gestal, e o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, foron os encargados de entregar os premios ás persoas gañadoras en cada categoría, ás que felicitaron polo seu enorme talento.